Os gañadores descubrirémolos o próximo 29 de xuño nunha gala que terá lugar no Mosteiro de San Clodio (Leiro).

Danse a coñecer os finalistas dos V Premios D.O. Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro vive o mércores 29 de xuño, no Mosteiro de San Clodio (Leiro), a súa gran cita, coa celebración da 5ª edición da Gala dos Premios D.O. Ribeiro. No evento quérese recoñecer o bo facer dos profesionais e establecementos galegos que axudan á difusión do mundo do viño, polo que, anualmente, concédense galardóns en tres categorías específicas, outorgados directamente polas adegas adscritas á Denominación.

Na categoría de “Mellor Servizo de Viño en Restaurante”, os finalistas son: Restaurante Campos (Lugo), O Retiro da Costiña (Santa Comba) e Galileo (Ourense).

Na categoría de “Mellor Tenda Especializada – Viñoteca” son candidatos: Santorum (Ourense), El Yate (Vigo) e La Sucursal (Lugo).

E, na categoría de “Mellor taberna – Bar de Viños”, os aspirantes son: O Bacoriño (Ferrol), Adega do San Vicente (Lugo) e Bagos (Pontevedra).

Ademais, un panel profesional de cata será o encargado de recoñecer os mellores viños brancos, de adega e de colleiteiro, e tinto da Denominación de Orixe.

No transcurso do evento tamén se entregarán o Premio Persoeiro de Honra 2016 ao xornalista Cristino Álvarez, en recoñecemento á súa traxectoria; o Premio “Muller e Viño”, a Mayte Santa Cecilia, directora de márketing e de compras das tendas madrileñas tendas Bodega Santa Cecilia desde 1990; e o Premio “Mellor Tarefa de Comunicación”, a Salvador Manjón, director de La Semana Vitivinícola dende hai 24 anos.

O histórico Mosteiro de San Clodio, berce da viticultura galega e as súas variedades autóctonas, reunirá os actores que dan vida ao viño D.O. Ribeiro e a profesionais chegados de toda España: adegas, colleiteiros, distribuidores, almacenistas, xornalistas, divulgadores e prescriptores, entre outros.