O Concello de Verín e a Mancomunidade de Monterrei asinaron un convenio para dar continuidade ó programa.

Máis de 4.700 espectadores gozaron do cine comercial en Verín nas últimas 14 semanas

O Concello de Verín e a Mancomunidade de Municipios de Monterrei asinaron un convenio para dar continuidade ó programa que, dende as pasadas festas do Lázaro, permitiron o retorno das exhibicións comerciais de cine a Verín. O convenio garante actividades que implicarán ós outros municipios, e o uso da Casa da Cultura de Verín para este fin. Durante as últimas 14 semanas, case 5.000 espectadores desfrutaron desta nova actividade cultural.

O tenente alcalde de Verín, Diego Lourenzo, e o presidente da Mancomunidade de Municipios de Monterrei, José Luis Suárez , asinaron hoxe o convenio que permitirá usar a Casa da Cultura de Verín para a exhibición comercial, garantindo “alternativas de ocio na nosa comarca, para que as fins de semanas os veciños dos sete concellos  que a compoñen non marchen buscando alternativas de lecer e tamén que veñan aquí os de outras”, afirmou Diego Lourenzo.

O cine comercial, que levaba case tres lustros sen presencia no Val de Monterrei, retornou a Verín como iniciativa municipal hay 14 semanas. Dende entón, máis de 4.700 veciños e veciñas pasaron pola Casa da Cultura en sesións de tarde e noite durante os fins de semana.

Entre as sesións máis exitosas, a película de estrea, “El Renacido”, e “El libro de la selva”, con cheos totais. O Goberno muncipal calificou de “moi exitoso” o programa de cine comercial municipal, que ven a sumarse a outras iniciativas como as películas do circuito galego de Agadic ou o cinema de verán, con proxeccións o aire libre, como “Vida” de Rubén Riós esta fin de semana.

Agora, a Mancomunidade de Municipios participará neste programa, que outorga alternativas de ocio os veciños dos sete municipios, e que permite incluso atraer visitantes as fins de semana de comarcas limítrofes.