O próximo domingo, día 26, ás 12 horas, celébrase en Trasalba (Amoeiro) a tradicional Festa Literaria na que a Fundación Otero Pedrayo entrega o premio máis importante da institución a unha persoa vencellada á cultura galega e ao galeguismo. Nesta XXXIV edición o persoeiro elixido é o político, economista e ensaista Camilo Nogueira Román (Lavadores, Vigo, 1936). O acto coincide coa xornada electoral, mais os organizadores decidiron manter a data por tradición. Dende o ano 1983, a concesión do Premio vense celebrando con carácter ininterrumpido o derradeiro domingo do mes de San Xoán.
Acto literario
O escritor Suso de Toro encargarase da laudatio a Camilo Nogueira, e no mesmo acto presentarase o libro fotobiografía, “Pensar Galicia, pensar o mundo”, con colaboracións de diversos autores arredor da figura do homenaxeado, escolma dalgúns traballos do autor e unha fotobiografía historiada.
Asemade, presentarase o primeiro tomo das Memorias de Otero Pedrayo, “Lembranzas do meu vivir”, editadas e anotadas polo profesor da universidade de Barcelona, Joaquín Ventura, cun limiar do profesor Ramón Villares. Tamén se presentará unha nova edición do “Parladoiro”, escolma de artigos xornalísticos de Otero Pedrayo que, en vida do señor de Trasalba, preparou o profesor Carlos Baliñas.
Complementariamente, nas Casas de acollida da Fundación proxectarase un adianto da película “Pelerinaxes”, que o realizador Simone Saibene está a ultimar, arredor da viaxata que en 1927 realizaron Otero, Vicente Risco e Ben Cho Shei a San André de Teixido.
Asemblea anual do Patronato
Unhas horas antes, na biblioteca da Casa Grande de Trasalba reunirase o Patronato, baixo a presidencia de honra do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e do presidente da Fundación, Víctor F. Freixanes. Nesta asamblea darase información sobre a situación económica da Fundación, aprobación de contas (se procede) e exposición das actividades que se viñeron celebrando nos últimos meses arredor da figura e a obra de Otero, tanto en Trasalba coma noutras localidades de Galicia.