Grazas a un convenio coa asociación sen ánimo de lucro 'Patrulla Callejera'.

Ourense controlará as colonias de gatos abandonados

O Concello de Ourense quere atallar o problema de saúde pública que supoñen as colonias de gatos abandonados da cidade ao tempo que mellorar o trato que se lle dá aos animais. Así, a Concellería de Sanidade vén de aprobar un convenio coa asociación sen ánimo de lucro Patrulla Callejera para a prestación do servizo de coidado e control das colonias de gatos abandonados. Será por un ano e terá un custe de 4.000 euros.

“A existencia de colonias de gatos vagabundos entraña o risco de proliferación descontrolada, o que suporía un perigo ambiental e sanitario”, asegura a concelleira de Sanidade, Sofía Godoy. “Este problema víñase atallando con métodos que se demostraron ineficaces, como a retirada e eliminación, e captura e adopción”, di. Con este convenio aplicarase un método “máis efectivo, bondadoso e civilizado, que é o método de captura, esterilización e liberación posterior”, explica a responsable da área de Sanidade.

Con este método preténdese reducir o merodeo de animais en celo, estabilizar poboacións en áreas concretas, nomeadamente as máis transitadas polos peóns, diminuír as pelexas por sexo e as marcaxes con ouriños e as garras, e por outra parte mellórase o nivel sanitario dos animais, facilítase o control e, en definitiva, mellórase a saúde pública.

A metodoloxía do programa pretende contar coa colaboración cidadá, xa que na maior parte dos casos a alimentación vén da parte humana. Salvo casos excepcionais, a captura realizarase con xaulas trampa, deixando atrás métodos estresantes como lazos, redes ou sacos.

Os gatos serán trasladados a calquera das clínicas  próximas ao lugar de recollida que respecten os prezos acordados (25 euros para gatos e 40 para gatas) e non haberá diferenza algunha con respecto ás castracións que se fan con animais en propiedade de particulares. Finalmente, a asociación procederá á liberación nas proximidades do lugar onde foi recollido.

A esto engadirase a impartición dun carnet de alimentador de gatos para controlar axeitadamente a alimentación das colonias e que será impartido polo Concello en colaboración coa asociación de colonias de gatos.

Tamén haberá un riguroso control sobre que gatos son esterilizados no marco deste convenio: serán unicamente gatos abandonados, atendendo ao definido polo protocolo de actuación definido.

Como método de captura, a asociación utilizará gaiolas-trampa destinadas a este fín. Previamente se fará unha análise da zona para averiguar número aproximado de individuos así como rutinas de alimentación e máis información relevante.

Unha vez capturado, fotografiarase o animal e trasladarase a clínica, trala intervención, e postoperatorio de 72 horas no caso das femias e 24 no dos machos, liberaranse nas proximidades do lugar onde foi recollido.

A asociación Patrulla Callejera adxuntará á factura os vales acreditativos da entrega dos animais, e informe da clínica das esterilizacións realizadas. Os vales acreditativos reflexarán información básica de cada animal, como lugar de procedencia, sexo, idade aproximada, clínica encargada da esterilización e características físicas básicas.