Dentro da campaña “Ourense Composta” 2015-2016, organizada pola Deputación de Ourense en colaboración con Sogama.

Entregados 396 composteiros a veciños da provincia

A campaña “Ourense Composta” 2015-2016, organizada pola Deputación de Ourense en colaboración con Sogama, entregou 396 composteiros a veciños de 36 dos 50 concellos aos que o goberno provincial presta o servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos. Esta iniciativa medioambiental rematou este xoves no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez; o presidente de Sogama, Javier Domínguez; e a técnico de Ancaria, Mayra Moure.

Rosendo Fernández dixo “chegamos á clausura da campaña “Ourense Composta”, que tivo como obxectivo a divulgación e sensibilización da poboación sobre a separación e sensibilización da materia orgánica para reducir a bolsa negra”.

A Deputación leva desde 2010 a desenvolver campañas de compostaxe doméstica nos concellos aos que presta o servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos e, desde 2013, faino en colaboración con Sogama.

A campaña 2015-2016, que foi dirixida aos cidadáns dos 50 municipios aos que a Deputación presta o servizo de recollida de RSU, contou coa participación de 396 veciños aos que se lle facilitaron os medios materiais para a realización de compost, así como a formación e asesoramento na materia mediante técnicos especialistas.

Esta actuación medioambiental desenvolveuse a través de nove puntos estratéxicos da provincia: Bande, O Carballiño, Castro Caldelas, A Peroxa, Ribadavia, A Rúa, San Cibrao das Viñas, Viana do Bolo e Xinzo de Limia, nos cales se levaron a cabo accións informativas con carpas que prestaban información á xente; accións formativas a través de charlas, e reparto de materiais, en concreto dos 396 composteiros casa por casa, e asesoramento con mesas redondas e visitas a cada casa, aos 3 meses do reparto inicial de composteiro. Finalmente, analizáronse diferentes mostras de compost que arroxaron datos moi positivos.

Mayra Moure destacou que “o 90% dos composteiros que entregamos funcionan sen problema”. Asemade, a técnico de Ancaria asegurou que en total “foron entregados máis de 2.500 composteiros desde o ano 2010, o cal supón unha redución diaria de 5.000 quilos de residuos”.

En canto as vantaxes que presenta a compostaxe doméstica para os concellos atópanse as de tipo ambiental, pola redución do volume de residuos e de uso de fertilizantes químicos; as económicas, grazas á obtención dun fertilizante orgánico de calidade e gratuíto e a redución da factura do lixo; e as sociais, porque se recupera a práctica tradicional da compostaxe e promove a educación ambiental dos cidadáns.