A orde, publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, está dotada de 1,5 millóns de euros.

A Xunta presenta aos alcaldes ourensáns as axudas para escolas infantís

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo González, continuou esta mañá en Ourense a súa rolda de encontros con alcaldes para informalos sobre o contido da Orde que regula a concesión de axudas para o investimento en escolas infantís dependentes das corporacións locais. Nesta provincia, existen 19 concellos que contan con escolas infantís municipais.

A directora xeral salientou que a orde pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para o investimento en escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de corporacións locais, publicada onte mesmo no Diario Oficial de Galicia por primeira vez, “está dotada de 1,5 millóns de euros” e que “os concellos interesados xa poden presentar a súa solicitude nun prazo dun mes que rematará o vindeiro 26 de agosto”.

Con estas axudas facilitarase a posta en marcha inmediata de recursos de atención á infancia que estean unicamente pendentes da dotación de equipamento, co que se aumentará a dispoñibilidade de prazas de atención á infancia. Igualmente mellorarase a calidade da atención recibida nos que xa veñen funcionando.

Os concellos beneficiarios non poderán ter recibido axudas financiadas con fondos Estruturais de Investimento Europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto e no suposto de recursos que dependan da dotación de equipamento para seren postos en marcha  tampouco poderán ter recibido axudas financiadas cos ditos fondos EIE para a construción da infraestrutura. Ao abeiro desta convocatoria serán subvencionables obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas, obras novas de escasa contía que doten ao edificio de servizos necesarios, adquisición e mellora do equipamento do centro (incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo), e a dotación de conexión a internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula.

As axudas poderán financiar ata o 100% do investimento subvencionable e terán unha contía máxima por cada centro de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para as destinadas á compra de equipamento. Cada concello poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros. A actuación é complementaria das accións de investimento para mellora das escolas infantís da rede Galiña Azul.