Coa apertura de Fontenova, as tres fontes tradicionais de Verín (Cabreiroá, Sousas e Fontenova) xa se encontran en pleno funcionamento.

Verín recupera o manancial de Fontenova

O alcalde, Gerardo Seoane, e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo reabriron este 5 de agosto oficialmente ao público o manancial de Fontenova, recentemente restaurado polo ente municipal e que levaba clausurado, sen funcionamento efectivo,  desde a década dos setenta. Coa apertura de Fontenova, as tres fontes tradicionais de Verín (Cabreiroá, Sousas e Fontenova) xa se encontran neste momento en pleno funcionamento e integradas na rota da auga da Eurocidade Verín-Chaves, proporcionando asistencia médica, pack do auguista e diploma acreditativo.

As fontes, grazas á financiamento da Eurocidade Verín-Chaves, abrirán todos os días da semana, en horario de 08:00 a 14:00 e 18:00 a 20:00 horas, con presenza orientativa de especialistas e distribución do pack do auguista, que inclúe unha guía certificada sobre as propiedades das augas, o vaso encartable para o percorrido e o diploma acreditativo, que servirá para promocións e sorteos.

O alcalde de Verín, destacou o emblemático do retorno do auguismo a Verín. “Queremos volver a arrancar este motor, que moveu en tempos toda a economía de Verín. Esta máquina que nos levou por toda España, non pode seguir parada”, dixo o rexedor.

Seoane avogou por “recuperar o valor económico e cultural da auga en Verín, xusto cando estudos recentes recoméndanlle á Seguridade Social voltar a receitar a hidroponía, cura con auga, como complemento de medicina preventiva”. “Nos non imos alardear agora de instalacións nin de despregue de medios, imos arrancar de novo o auguismo en Verín”,  insistiu, “agradecendo ós propietarios das fontes o seu apoio incondicional.

Pola súa banda, o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, fixo especial  fincapé en que “coa recuperación do manancial de Fontenova cúmprese un dobre obxectivo. Por unha banda, a posta en valor das nosas augas e a recuperación do aguismo no concello e, doutra banda, a valorización do noso patrimonio xa que Fontenova constitúe un elemento arquitectónico único e é noso deber  mantelo e coservarlo para as xeracións vindeiras”.