Son totalmente gratuítos, dirixidos a grupos cun mínimo de tres integrantes, entre 15 e 35 anos empadroados en Ourense.

O Espazo Lusquiños da Mocidade volve abrir unha nova convocatoria para o uso dos locais de ensaio por parte das bandas noveis e grupos emerxentes da cidade. O prazo permanecerá aberto durante todo o mes de agosto, unha chamada que vai dirixida a grupos cun mínimo de 3 integrantes, que teñan entre 15 e 35 anos e estean empadroados no Concello de Ourense. Trátase dun servizo público de titularidade municipal destinado a facilitar un espazo para o ensaio musical totalmente equipado e de xeito gratuíto en condicións de igualdade para a mocidade de Ourense.

Para cursar a solicitude haberá que entregar no Rexistro Municipal o formulario dispoñible na páxina web do Lusquiños ou na sección de impresos de www.ourense.gal. Co impreso, é necesario presentar unha fotocopia do DNI dos integrantes da banda, así coma un breve currículo e unha foto do conxunto. No caso de haber menores de idade, a documentación deberá ir acompañada dunha autorización familiar. Esta quenda servirá para os vindeiros cinco meses a partir de setembro. As quendas de ensaio son de tres horas repartidas en dúas sesións semanais de hora e media cada unha, repartidas en horarios de 17:00 a 22:00 horas os luns, mércores, venres e sábados.

Nesta última convocatoria están a empregar os locais de ensaio un total de 21 bandas que van desde a música tradicional, o rock, o pop, o metal… No primeiro semestre, foron máis de 6.000 os usuarios totais do Lusquiños.

Locais de ensaio

O Espazo Lusquiños da Mocidade está integrado por catro locais de ensaio totalmente equipados, o que permite que só haxa que levar o instrumento e os  cables. O backline de cada sala de ensaio consta dunha batería Tama Imperialstar e un set de pratos Meinl, un amplificador de baixo Fender Rumble 350, un ampli de guitarra Fender FM212R e un equipo de voces con dúas caixas de 400W e mesturador de 8 canais de micro e 4 liñas estéreo, así como micros. Dous dos locais contan a maiores con outro ampli de guitarra.