Co inicio da Semana Europea da Mobilidade, Amigos da Terra, Sustinea e a Masa Crítica uníronse para reivindicar o espazo para as persoas na cidade.

PARK(ing) Day en Ourense

Coincidindo co inicio da Semana Europea da Mobilidade, Amigos da Terra, Sustinea e a Masa Crítica uníronse este venres na reivindicación mundial do PARK(ing) Day, un evento anual aberto á participación da cidadanía, que consiste en converter unha praza de aparcadoiro nun xardín efémero ou temporal, transformando así o contexto urbano para reclamar de cidades máis vivibles e humanas.

Estes colectivos quixeron así chamar a atención para promover a necesidade de aumentar e mellorar os espazos verdes en Ourense, para propiciar o gran beneficio que xardíns, plantas e árbores achegan á saúde das persoas, ao medio ambiente, á economía e á cohesión social.

Os colectivos ocuparon unha praza de aparcadoiro na zona azul da rúa Ramón Cabanillas, pagando o correspondente ticket da ORA para ocupar o espazo durante toda a mañá. Ademais, manifestaron tamén o seu desacordo e decepción coa estratexia de mobilidade na cidade de Ourense, para a cal se creou a mesa de mobilidade da cidade, da que forman parte xunto con outras moitas organizacións cidadás, e que está amosando unha preocupante inoperatividade, ao non ser vinculantes as decisións que nela se toman e así, seguir perpetuando na cidade problemas como a sobresaturación do tráfico a motor, e a falta dunha aposta por pacificalo para conseguir unha cidade máis amable.

Máis de 70 xardíns efémeros distribuíanse en diferentes cidades e vilas españolas e mundiais neste 16 de setembro. Nalgúns casos coa colaboración dos propios concellos, como Santiago de Compostela, Madrid, Salamanca, Móstoles, Valencia, Bilbao, Zaragoza, Burgos, As Palmas de Gran Canaria ou Murcia.