O prazo para a admisión dos traballos de narración remata o 30 de decembro.

A Deputación de Ourense convoca o XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración e ilustración infantil e xuvenil, dotado con 3.000 euros para as dúas modalidades, un certame que quere recoñecer a calidade literaria e artística de traballos creados para nenos e mozos, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez.

Ao premio, na súa modalidade de narración, poderán concorrer todos aqueles autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega. Os textos presentados han de ser inéditos e totalmente orixinais. As obras, cuxa temática será libre pero acaída para o público infantil ou xuvenil, terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, fonte Times New Roman, tamaño de letra 12 e interliñado 1,5 liñas.

A presentación dos orixinais poderá realizarse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense, e os concursantes deberán remitir seis exemplares da obra nun sobre pechado indicando no exterior do paquete “PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE NARRACIÓN”.

As obras irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico, unha fotocopia do DNI e breve recensión bio-bibliográfica.

O prazo de admisión de orixinais remata o 30 de decembro de 2016, admitíndose, non obstante, aqueles que foran entregados nas oficinas de Correos ese mesmo día. Para esta modalidade de narración establécese un premio de 1.500 euros.