 O director xeral de Ordenación e Produción Forestal reuniuse cos alcaldes de Cualedro, Laza, Oímbra e Monterrei e con representantes dos montes veciñais e particulares afectados.

Medio Rural anuncia traballos de recuperación dos montes queimados de Verín

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, e técnicos da Consellería do Medio Rural reuníronse hoxe cos alcaldes dos concellos ourensáns de Cualedro, Laza, Oímbra e Monterrei e con representantes dos montes veciñais e particulares afectados para abordar os traballos de recuperación dos montes comunais tras os incendios deste verán.

No encontro planificáronse as actuacións para a recuperación do potencial forestal en zonas afectadas polos lumes nestes municipios, que comezarán nos próximos días. Estas actuacións servirán para facer un control dos riscos hidrolóxicos erosivos asociados aos lumes e atallar os posibles procesos de degradación dos solos afectados.

Ademais, nesta xuntanza o director xeral lembroulles aos rexedores que aínda está aberto (ata principios de novembro) o prazo para acollerse ás axudas para compensar as perdas que os particulares sufriran a consecuencia dos lumes. Estas achegas, publicadas o pasado día 3 de outubro no Diario Oficial de Galicia, están dotadas cun orzamento dun millón de euros. Servirán para a reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados, así como para paliar os danos rexistrados nas explotacións agrícolas e gandeiras. As achegas outorgaranse a través de axudas mínimis e o procedemento de concesión das mesmas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rateo.

Con respecto aos traballos de rexeneración dos montes, ademais das actuacións específicas de consolidación de solos, realizaranse outras como sementados rexenerativos, eliminación de madeira queimada sen valor de mercado para mellorar a posterior rexeneración do arborado ou aproveitamento da madeira recuperable. Tamén melloraranse as infraestruturas forestais das zonas queimadas, reparando as cunetas e as obras de paso para facilitar a capacidade de evacuación de augas.

Así mesmo, dende o punto de vista da recuperación de infraestruturas de protección dos terreos forestais, contémplanse o arranxo de peches gandeiros afectados incluíndo a substitución dos queimados e as súas infraestruturas complementarias.

Este encontro enmárcase na rolda de contactos mantidos entre responsables do departamento que dirixe Ángeles Vázquez –e a propia conselleira– con alcaldes de diferentes puntos de Galicia e afectados polos lumes, para coordinar todos estes traballos.

Estas medidas beneficiarán especialmente os propietarios dos montes afectados polos incendios, así como aos titulares dos dereitos de pastoreo, xa que permitirán unha recuperación mais rápida dos recursos forestais, diminuíndo o risco de erosión e a conseguinte perda de solo. Adicionalmente, isto terá un impacto favorable na regulación das augas de escorrentía.