O Concello de Ourense recollerá a certificación nun acto o 15 de novembro en Santander.

O comité español de Unicef vén de recoñecer, na VIII Convocatoria do Certame de Boas Prácticas 2016, o Programa de actividades infantís de educación ambiental que desenvolve o Botánico de Montealegre. O recoñecemento de boas prácticas “evidencia o labor na implementación de accións ou programas que garantan a aplicación da Convención sobre os dereitos dos nenos e, polo tanto, contribúen a mellorar o benestar da infancia e da adolescencia”, recoñece Unicef, “ademais de ser fonte de inspiración para outras cidades e xeradoras de coñecemento e de saber facer”.

Este recoñecemento “vén reforzar o compromiso da corporación coa cidade á hora de pensar nun gran parque, lugar de lecer, próximo á cidade, no que os máis pequenos e as súas familias poidan desenvolver actividades nunha contorna natural”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Desde o departamento de Medio Ambiente, destácase o carácter novidoso e atractivo das actividades propostas, ao tempo que se traballa para na programación de máis actividades tendo en conta as opinións dos usuarios: incrementar o número de sesións e adaptalas aos contidos máis demandados. «Paxaros de la», «Sementeiro e Sr. Céspede», «Explorador/a por un día», «Paso a paso polo mundo vexetal» ou exposicións temporais son algunhas das iniciativas do departamento de Medio Ambiente.

Por outra banda, este recoñecemento de Unicef supón unha medida de fomento do lecer en familia co que se persegue fortalecer as relacións familiares e a creación dunha conciencia e sensibilidade ambiental especial nos cativos que despois trasladan a outros lugares coma o fogar ou a escola. O Concello de Ourense recollerá a certificación nun acto o vindeiro 15 de novembro no Palacio da Magdalena, en Santander.

A participación do Concello de Ourense no certame de boas prácticas reflicte o compromiso do Concello de traballar na liña que marca UNICEF. A obtención do recoñecemento reforza o Plan de Infancia e Adolescencia que está a desenvolver o Concello a través da Concellería de Asuntos Sociais -de feito, a presentación do proxecto de Educación Ambiental no Montealegre parte de ambas concellerías, Medio Ambiente e Asuntos Sociais-, e que vén recollendo desde o ano pasado a opinión e participación de axentes educativos públicos e privados da cidade para converter a Ourense nunha cidade amiga da infancia e da adolescencia.