A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, visitou as obras, nas que o seu departamento inviste 55.000 euros.

O sendeiro ecolóxico de Piñor, para final de ano

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio prevé rematar as obras do sendeiro ecolóxico de Piñor a finais deste mesmo ano. Así llo trasladou a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, ao alcalde de Piñor, José Luís González, durante a supervisión dos traballos que se están a executar e nas que o seu departamento inviste 55.000 euros.

O sendeiro discorre pola marxe dereita do río Arenteiro, comezando o seu percorrido na antiga fábrica de papel, e ten unha lonxitude de 400 metros. As actuacións consisten no desbroce e mellora do sendeiro; no acondicionamento da senda con pedra de mampostería e recolocación de pedras xa existentes; na colocación de preto de 300 metros de varandas de madeira e 62 metros de pasarela, tamén de madeira; e na instalación de seis bancos e dúas mesas, así como varios paneis informativos.

Mato destacou que o Arenteiro é un río moi importante dentro da provincia de Ourense, que conta con numerosas rutas a pé para gozar do seu contorno, unha gran tradición de pesca deportiva, e un notable patrimonio cultural como, por exemplo, os seus muíños de auga.

A conselleira salientou que este tipo de actuacións poñen en valor patrimonio natural dos concellos, ao tempo que se habilita a zona para o goce dos veciños. Recordou que no ano 2016 a Xunta financiou vinte actuacións de mellora e acondicionamento de distintas rutas, sendas e áreas recreativas ecolóxicas noutros tantos concellos, nas que se investiron arredor de 850.000 euros.

Por último, destacou o compromiso do Goberno galego co concello de Piñor, xa que só a Consellería de Medio Ambiente destinou desde 2009 un investimento de preto dun millón de euros. Engadiu que unha parte importante (case tres cuartas partes) se dedicou á dotación de servizos de abastecemento de auga, un dos grandes obxectivos do departamento que dirixe Beatriz Mato.

Recordou que Medio Ambiente tamén asumirá o acondicionamento da Aira de Freás, no marco do Plan Hurbe, dotado con máis de 100.000 euros; así como a axuda para a redacción do novo Plan xeral de ordenación municipal do concello.