A oposición cuestiona a seguridade xurídica de tratar de legalizar o inmoble no novo planeamento.

O Goberno municipal fía a un ditame externo a solución á situación do edificio de Marcelo Macías

A situación do inmoble de Marcelo Macías sobre o que pesa unha orde de derruba, a modificación da RPT e os orzamentos de 2017 foron os tres temas analizados nunha longa xunta de portavoces celebrada este luns no consistorio ourensán.  O alcalde, os voceiros de PP, DO, PSOE e OUeC, e os concelleiros Flora Moure, Jesús Cudeiro e Ana Fernández Morenza, ademais dalgún funcionario municipal, participaron nesta xuntanza na que, malia a súa duración (case dúas horas), pouco achegamento de posturas houbo.

Así, como explicou ao remate o voceiro do grupo de goberno, Pepe Araújo, o PP conta cun ditame externo sobre o edificio de Marcelo Macías que vai transmitir ao equipo redactor  do novo planeamento “para ver se pode incluír (no novo PXOM) a realidade existente para regularizar esa situación”.

Unha posibilidade sobre a que os grupos da oposición amosaron as súas dúbidas. “Esta liña de traballo pon en risco a aprobación do novo PXOM; a seguridade xurídica de todo o procedemento entra en dúbida”, alertaba o socialista José Ángel Vázquez Barquero.

Desde Ourense en Común, Martiño X. Vázquez seguía a insistir na necesidade de abrir unha comisión de investigación e que se depuren responsabilidades. “Nós temos claros os responsables: Cudeiro, Cabezas e Feijóo”, subliñou.

E Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensana, cuestionaba que o alcalde só reclamara o apoio da oposición “en los temas enmerdados, para repartir la culpa”, polo que lle pedía que “gobierne lo que tenga que  gobernar” e apuntaba a quen deberían asumir as responsabilidades da situación: “los predecesores empezando por Cabezas y los constructores”:

Orzamentos e RPT

Na xunta de portavoces o PP explicou o que leva feito na modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e na elaboración dos orzamentos municipais. Segundo adiantou Araújo, “o traballo (da RPT) está feito para enviárselle nestes días a Intervención”. Este será un requisito previo para poder aprobar as contas de 2017, que roldarán os cen millóns de euros.

Nesta materia, Martiño X. Vázquez acusaba ao Goberno local de “discurso bipolar” por defender en público unha cousa e en privado outra. “Están limitados por un teito de gasto que eles mesmos cuestionan”, explicaba. Mentres, a Barquero as explicacións sobre o retraso na modificación da RPT soábanlle a “unha excusa pobre” para xustificar que non houbera orzamentos de 2016 aprobados. “Hai un intento de xustificar os problemas evidentes e  graves de xestión que teñen”, afirmou. Para Jácome, “nos vienen a marear la perdiz botándolle un oso ao can” coas explicacións achegadas por un funcionario, polo que tachaba de “inútiles” aos membros do Goberno local por non ter orzamentos , e, no caso da RPT, advertía que “están intentando encajar los enchufes que tienen”.