A Consellería de Cultura e Educación destinará arredor de 900.000 euros a estas obras.

O Diario Oficial de Galicia publica a formalización do contrato de redacción do proxecto básico e de execución, e a dirección de obra para a conservación e posta en valor no conxunto monumental do mosteiro de Santa María a Real de Oseira, no concello de San Cristovo de Cea (Ourense).

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten previsto investir nesta restauración arredor de 900.000 euros, unha intervención que se levará a cabo en varias fases.

O obxectivo da intervención é velar pola conservación deste senlleiro mosteiro, declarado Ben de Interese Cultural, e que constitúe ademais un importante atractivo cultural e turístico para a súa contorna.

Actuacións
As actuacións previstas como prioritarias para acometer por fases inclúen obras de restauración e mellora na cuberta, na carpintería, nos parámetros e nas pinturas murais principalmente, así como a mellora das condicións ambientais dalgunhas partes do monumento.

Tamén se realizará un estudo básico do inmoble e das súas necesidades de cara á súa conservación e á elaboración dun estudo de conservación preventiva, e dun documento técnico que sirva de base para a futura redacción dun plan director do monumento.

En concreto, está previsto acometer a substitución íntegra da cuberta que conecta o claustro dos pináculos co dos medallóns, así como de toda a carpintería da fachada principal. Así mesmo, realizaranse traballos de limpeza e mantemento dos paramentos dos espazos de maior valor cultural e procederase á pavimentación no espazo da escaleira monumental na planta baixa. Tamén se revisará a carpintería, farase un estudo de iluminación e se mellorarán as condicións ambientais da sancristía, da sala capitular e do claustro dos medallóns.

O proxecto de restauración abrangue tamén ás pinturas murais da cabeceira, dos retablos e portas policromadas así como os elementos de carpintería de madeira orixinais do mosteiro.