Coa celebración da 24ª Mostra da oportunidade.

Fin de semana de oportunidades en Expourense

A Mostra da Oportunidade abre (ata o domingo 5 de marzo) as portas da súa 24ª edición ofrecendo milleiros de artigos a prezos rebaixados co obxectivo de que os visitantes realicen no recinto de Expourense as mellores compras do ano. O cento de expositores que participan nesta edición fan realidade o tradicional dito de “bo, bonito e barato” que axuda a poñer o punto final ao período de rebaixas da tempada. O comercio local ourensán está a demostrar nesta cita a calidade e variedade dos produtos cos que traballa e a aproveitar esta cita para liquidar stocks a prezos moi reducidos.

Facendo un percorrido polos expositores que participan nesta edición, as opcións de compra multíplicanse debido a época do ano que estamos a vivir. Pódense atopar dende agasallos especiais para o Día do Pai que se celebra nun par de semanas (ata prepararse para as vacacións de Semana Santa, sexan esta na praia ou na montaña, xa que é posible mercar dende bikinis e sandalias ata prendas de abrigo e de pel. A ampla oferta en moda, calzado e complementos para toda a tamén converte a esta cita nunha boa oportunidade para prepararse para a tempada de vodas, bautizos, comuñóns e outros eventos. Ademais, a Mostra ofrece todo o necesario para renovar calquera parte do fogar, dende a cociña ou o salón ata o dormitorio e o xardín e facelo tanto con moble moderno como con antigüidades. Este ano como novidade, tamén se poden atopar motos, karts e bicicletas con importantes descontos.

Destaca ademais e enorme oferta en puericultura e artigos para bebés que adoitan ten un prezo elevado. Carriños, sacos de paseo, sillas para o coche, tronas e ata todo tipo de agasallos personalizados (bordados ó momento no recinto) son algunhas das opcións, ademais dunha completa mostra de roupa e calzado. Tamén sobresae a cantidade de expositores adicados a alimentación que ofrecen dende embutidos ata conservas ou todo tipo de doces.

A Mostra ofrece ademais aparcamento gratuíto e un área de lecer infantil destinada a gozar dunha xornada de compras en familia, sobre todo nesta fin de semana que se presenta con tempo inestable, o que pode favorecer a afluencia de visitantes ao recinto de Expourense. Para facer máis cómoda a visita, o salón conta cun amplo horario que vai dende as once da mañá ás nove da noite, é dicir, dez horas ininterrompidas os tres días de feira. O prezo de entrada á Mostra é de 1 euro (nen@s de ata 12 anos gratis).

Expourense, en colaboración co asociacionismo, puxo en marcha unha edición máis unha acción especial que favoreceu a participación agrupada das empresas. A Mostra da Oportunidade, feira decana destas características en Galicia, conta coa participación dos Centros Comerciais da provincia de Ourense que viron nesta cita unha excelente ocasión para a liquidación dos seus stocks e para dinamizar as rebaixas de inverno. Están presentes as asociacións fundamentalmente de Ourense e comarca como as de Ourense Centro, do Couto e a Asociación de Comerciantes de Allariz.

Repiten, por segundo ano consecutivo, a Asociación de Comerciantes Ourense Norte e a AGAECA da Valenzá. Os establecementos asociados contan cun espazo en feira para ofrecer os seus produtos (téxtil, decoración, alimentación, etc.) a prezos vantaxosos para os milleiros de visitantes que agarda recibir a Mostra da Oportunidade que nos últimos anos se ten convertido nun escaparate que promove a calidade do produto e o coidado na atención ó cliente cos que este sector traballa.