O departamento de Medio Ambiente destinou 75 compostadores.

O Concello supervisa cos veciños de Seixalbo a segunda fase da campaña ‘Compostaxe: toda unha vantaxe’

O concelleiro de Infraestruturas, Medio Ambiente, Limpeza e Perímetro Rural do Concello de Ourense, José Araújo, acompañado por técnicos ambientais, visitou esta mañá os veciños de Seixalbo para comprobar de primeira man como están a levar a cabo o proceso de compostaxe nos compostadores proporcionados polo Concello dentro do programa Compostaxe: toda unha vantaxe, realizado en colaboración con Sogama.

O obxectivo desta campaña, desenvolvida pola área de Limpeza e Xestión de Residuos, é a de reducir o volume global dos residuos producidos no fogar mediante a reciclaxe da materia orgánica en orixe e obter así un fertilizante natural con excelentes propiedades para o chan. Para iso, o programa deu comezo o mes de decembro do pasado ano cando se situou unha carpa informativa no núcleo de Seixalbo, co obxectivo de informar os veciños sobre esta campaña. Tras a devandita acción foron 65 os veciños que se interesaron e se inscribiron.

No mes de febreiro do presente ano, no Centro Cívico de Seixalbo, tivo lugar unha xornada formativa na que se explicou aos 65 participantes as claves para levar a cabo un correcto proceso de elaboración de compost a través de restos de comida, podas, céspede, etc. Nesa mesma xornada, os fogares inscritos na campaña recibiron de forma gratuíta un recipiente (compostador) para realizar a compostaxe no fogar, así como un manual didáctico con formación específica na materia. A Concellería destinou para tal fin 75 compostadores.

Unha vez que os participantes obtiveron o seu compostador, co compromiso de instalalo e utilizalo, o 6 de marzo iniciouse unha primeira fase de visitas de seguimento, na que técnicos ambientais visitaron todos os fogares participantes para comprobar a correcta instalación do compostador e asesorar ante calquera tipo de dúbida ao redor do mesmo e do proceso de compostaxe.

Actualmente, o programa está na segunda visita de comprobación, na cal os técnicos ambientais comproban se as achegas de restos ao compostador son os correctos e asesoran aos veciños para que o proceso de elaboración de compost siga por bo camiño. Neste sentido, o equipo de José Araujo puido comprobar hoxe in situ que, tras 3 meses, os veciños de Seixalbo están a seguir ben as indicacións dos técnicos, o que se traduce en que están a levar a cabo un correcto proceso de elaboración de compost.