Arredor de 7.000 visitas elixiron Expourense esta fin de semana para coñecer as novidades das marcas que operan no mercado ourensán.

O Salón do Automóbil Novo cumple as expectativas

O 9º Salón do Automóbil-Vehículo Novo converteu a Expourense durante esta fin de semana no concesionario máis grande de Galicia ao que se achegaron arredor de 7.000 visitas para coñecer a ampla oferta que estivo composta por 400 vehículos de máis de 20 marcas de todas as gamas, modelos e prezos. As 17 empresas participantes fixeron unha forte aposta neste salón ampliando as opcións de selección á hora de elixir un coche, xa que a meirande parte deles ofreceron importantes descontos especiais de feira que foron dende os 150 euros ata os 5.000 así como tamén sorteos de estancias en Balnearios.

Con moitos carteis de “Vendido” este domingo pola tarde, esta cita conseguiu satisfacer as expectativas dos expositores e, segundo afirman dende A.C.A.U.T.O., “polo momento parece que se manteñen os datos da última edición”. Os datos finais de vehículos vendidos darase o vindeiro domingo na clausura do Salón do Vehículo de Ocasión, xa que “ao longo desta semana, moitas das visitas que viñeron a Expourense e non se decidiron no momento, pecharán a compra nestes días”.

O feito de poder atopar no mesmo espazo toda a oferta en vehículos da provincia e o sorteo dun desconto de 6.000 euros (que supón o desconto máis grande realizado en feiras deste tipo en Galicia) entre os que mercaran aquí o seu coche contrubuíu a acelerar o proceso de decisión dunha compra que require dun importante desembolso económico.

Cun amplo abano de prezos entre os 7.900 e os 150.000 euros, este salón ofrecía modelos de coches para todas as necesidades. Preguntándolle aos expositores cál foi o modelo máis vendido no salón non pode sacarse unha conclusión clara, xa que se venderon modelos de todas as gamas, se ben parece que destacan os denominados “Crossover” xa que “a tendencia é que o consumidor busque coches máis altos porque aumenta a sensación de seguridade”.

Entre as novidades que máis chamaron a atención do público destacaron modelos como o novo Polo de Volkswagen, que se presentou en exclusiva para España neste salón, o novo Renault Koleos ou a furgoneta Partner Tepee de Peugeot, eléctrica e de fabricación 100% galega.

Repetiu presenza neste salón o Road Show de Mazda que permitía probar todas as novidades da marca acompañados de monitores da marca chegados dende distintas partes de España.

O 9º Salón do Automóbil continuará a fin de semana que ven (27 a 29 de outubro) coa celebración da edición adicada ao Vehículo de Ocasión no que volverán a estar presentes os concesionarios asociados a A.C.A.U.T.O. As vendas realizadas neste salón tamén estarán incluidas na aportación por vehículo vendido que vai facer a Asociación a Cáritas Ourense.