A celebración terá lugar o día 19 de agosto.

Gastronomía e tradición, na XXI Festa dos callos limiaos de Lobios

O municipio de Lobios acollerá, o día 19 de agosto, a XXI edición da Festa dos callos limiaos e a XI edición da Carretada de Lobios, un evento gastronómico e etnográfico no que tamén haberá espazo para a artesanía, a música e os xogos populares. A presentación desta celebración tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa e o concelleiro de Cultura de Lobios, María del Carmen Yáñez e Albino Vázquez; e os cociñeiros, Tomás Fernández e Francisco Silva.

A Deputación de Ourense colabora con este evento que “une a tradición da festa gastronómica, presentando un prato moi típico da zona, cun elemento etnográfico e importante para o noso campo como é o carro galego”, explicou Rosendo Fernández, quen lembrou que se trata dunha celebración “á que asisten non só persoas de Ourense, senón tamén de Pontevedra e Portugal”.

Esta celebración naceu co obxectivo de ser “un lugar de encontro entre os que estamos alí todo o ano e os retornados que veñen pasar alí as súas vacacións”, dixo a alcaldesa de Lobios, quen explicou a programación prevista para ese día que comezará ás 11.30 horas coa feira de artesanía, na travesía principal do municipio. Ás 12 horas chegará a música a esta celebración da man da Banda de Música de Lobios, e ás 13.30 horas, no pavillón municipal, terá lugar a degustación dos callos limiaos, unha celebración que naceu hai máis de vinte anos e que se celebra o penúltimo domingo de agosto, para aproveitar que os turistas e emigrantes da zona están de vacacións. “Na festa prepáranse sobre 1.000 racións de callos”, sinalou María del Carmen Yáñez. Os callos son “un produto típico da Baixa Limia e están elaborados con produtos autóctonos da nosa terra”, explicou Tomás Fernández. A degustación gastronómica complétase este ano como novidade cunha espetada de porco galego, para poñer en valor os produtos e a gastronomía galega.

Pola tarde, ás 15.30 horas terá lugar nas piscinas municipais, unha festa acuática para os máis cativos e, ás 17 horas, celebrarase o III Torneo de xogos populares “para unir a tradición coa xente moza”, sinalou a alcaldesa de Lobios.

Por último, ás 20 horas, será a XI edición da Carretada que consiste nunha competición na que, por parellas, teñen que tirar do carro nun circuíto pechado tratando de facelo no menor tempo posible.