Terá lugar os días 14, 15 e 16 de setembro na Veiga.

Chegan as quintas xornadas de “AstroTrevinca 2018”

Baixo o lema “V xornadas de astronomía no mellor ceo de Galicia” desenvolverase “AstroTrevinca 2018”, do 14 ao 16 de setembro, convertendo ao municipio da Veiga, durante eses días, na capital da astronomía en Galicia.

A Deputación de Ourense colabora con estas xornadas que, coa celebración desta quinta edición, están a converterse “nun evento de referencia no eido da astronomía en Galicia”, dixo Rosendo Fernández na presentación do evento, quen destacou do evento que “non só é unha cita para investigadores e profesionais da materia, senón que tamén está dirixido a todo o público en xeral que estea interesado na observación do ceo”. Así mesmo, o vicepresidente do goberno provincial felicitou ao Concello da Veiga por desenvolver “este tipo de iniciativas que supoñen un pulo para un dos sectores turísticos emerxentes na nosa provincia: o astroturismo”.

Pola súa parte, o alcalde da Veiga dixo que con esta nova edición “conseguimos consolidar un proxecto estrela” e destacou que “o cumio de todo este proxecto que estamos a levar a cabo no eido do astroturismo é a construción do Observatorio Astronómico de Trevinca que comezará no mes de setembro. Un proxecto que temos perfectamente definido non só no que se refire á estrutura senón tamén a súa funcionalidade, porque está pensado para que todo o mundo poida gozar do ceo da Veiga e do seu entorno, ademais de ter unha parte tamén científica”. Así mesmo, Juan Anta sinalou que o obxectivo final é lograr que A Veiga sexa “o referente do turismo rural galego”.

O coordinador das xornadas explicou que a primeira edición organizouse co obxectivo de “darlle máis representación ao que se fai en astronomía en Galicia” e destacou a idoneidade da Veiga para a observación do ceo “pola súa baixa contaminación lumínica, pola climatoloxía ao ser onde máis noites e días despexados hai ao ano, e pola súa gran altitude que fai que a atmosfera mostre as súas mellores condicións. E, por último, porque combina moi ben a paisaxe do terreo coa paisaxe do ceo”.

Programación
A Veiga, un dos catorce destinos turísticos “Starlight” no mundo que conta con esta certificación e que converte a Trevinca nun dos mellores lugares do mundo para contemplar as estrelas, acollerá unha nova edición destas xornadas que serán presentadas o día 14 de setembro, ás 20.00 horas, no edificio do Toural e, posteriormente, ás 22.00 horas, terá lugar a observación na Tablilla.

O día 15 de setembro, no edificio de conferencias do Toural, celebraranse diferentes conferencias que abordarán as seguintes cuestións: “Arqueoastronomía, o ceo no pasado”, “Astrotimelapses, fotóns en movemento”, “Astronomía para influencers”, “Ligar con astronomía”, “A astronomía de Julio Verne” e “Fotografía nocturna e astropaisaxe”. A xornada do sábado rematará coa observación astronómica na Tablilla, ás 22.00 horas. Por último, o domingo, 16 de setembro, ás 11.00 horas, terá lugar unha visita ao lugar de construción do Observatorio Astronómico de Trevinca no que se explicará aos participantes este proxecto e, ás 12.00 horas, a programación centrarase na Astrofotografía. Pola tarde, ás 16 horas, os participantes poderán gozar dun paseo en catamarán polo encoro de Prada ou dunha visita a “Cántara de Moura”.

Os interesados en participar poderán anotarse a través do número de teléfono 988350130 ou do correo electrónico trevincastarlight@gmail.com.