Celebraranse presentacións e degustacións de viños de catro adegas con accións culturais.

Quinta edición da ciclo «Cata a arte»

O C.R.D.O. Ribeiro vén de presentar a quinta edición do ciclo Cata a Arte, que terá lugar novamente no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense -durante catro xornadas- e que inclúe presentacións e degustacións de catro adegas da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia acompañadas de accións culturais paralelas como teatro, maxia ou música.

Catas e accións culturais
As catas comezarán o vindeiro xoves, 8 de novembro, e continuarán durante todos os xoves ata finais de mes. O pistoletazo de saída poñerao esta semana a Adega Catro Parroquias, que realizará unha degustación dos seus viños Catro Parroquias e Viña Leda, acompañada da maxia humorística do Mago Deimi. O 15 de novembro será o momento da realización da cata de Nairoa, que presentará os seus viños Alberte Doble Lías e Alberte ao son da música do ourensán Diego Nóvoa. O 22 de novembro continuaremos coa cata de Adegas Celme que presentarán os viños Celme de Pena Bicada (branco) e Celme do Souto (tinto), arroupados polo relato teatral de Viño [e familia] da man da Compañía #2 do Teatro Permanente. E para rematar esta quinta edición, o broche final poñerao o 29 de novembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís en harmonía coa pura esencia do rock espontáneo, en versión ligth, de L’Appetite Mort.

Solidariedade
Novamente, as catas terán un carácter solidario. A DO Ribeiro colabora coa AFFOU, Asociación de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense, polo que nesta quinta edición, solicitarase aos asistentes un donativo a favor desta entidade que ten como misión atender as necesidades e todo o que soliciten os máis de 95 socios enfermos en Ourense, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do propio enfermo e a súa familia.