Contou con 125 expositores e máis de 100 actividades.

Sportur Galicia recibe preto de 10.000 visitas

Sportur Galicia pechou as portas da súa segunda edición acadando bos resultados de asistencia que permiten que o proxecto se consolide xa que durante tres días reuniu en Expourense a 125 expositores que ofreceron máis de 125 actividades que atraeron a 10.000 visitas.

Serviu para visibilizar o papel que xoga o deporte como motivación turística e como desenvolvemento económico. Vencellado con isto, os profesionais do sector que asistiron ao II Seminario sobre Deporte e Turismo Activo tiveron a oportunidade de coñecer máis de preto o impacto xerado no territorio polos eventos turísticos con grandes exemplos como a Pantin Classic Galicia PRO que se converteu no terceira mellor proba mundial de surf ou o Circuito Automovilístico Internacional de Vila Real. Tamén vencellado co negocio no deporte estivo o II Workshop de Turismo Activo de Galicia onde participaron 10 axencias de viaxes especializadas que mantiveron reunións cos expositores.

A secretaria xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou este salón que contribúe a posicionar o éxito do binomio deporte + turismo e para destacar o papel estratéxico que o turismo activo ten en Galicia polo seu importante potencial para descentralizar a actividade turística e por permitir achegar os beneficios do turismo tanto á costa como ao interior.

Actividades
Exhibicións de ximnasia acrobática, kickboxing, karate, taekwondo, wu-shu ou minitenis foron disciplinas que tiveron o seu escaparate en Sportur Galicia. Incluso se celebraron competicións oficiais coma o Trofeo Promesas de Galicia de Halterofilia ou o Torneo Sportur de Xadrez. Deste xeito se poñen en valor as múltiples opcións deportivas que poden formar parte dun estilo de vida saudable ao tempo que os destinos e escenarios ideais para practícalas, desde o oriente de Asturias ata o norte de Portugal pasando por concellos costeiros coma Viveiro, ou desde a Costa da Morte coma Dumbría, ata referentes do interior coma Maceda ou a única Estación de Montaña de Galicia en Manzaneda.

Entre as actividades que puideron gozarse ao longo dos tres días de feira destacaron o rocódromo, a ponte tibetana, o remo indoor, os simuladores de navegación ou tiro, a pista de pitch and putt ou os xogos tradicionais. Unha das novidades deste ano foi a posibilidade de sobrevoar o recinto feiral no globo aerostático, ou a participación do equipo Suzuki.