O importe será de máis de 1,5 millóns de euros.

Publicada a licitación de obras en seis estradas autonómicas

A Xunta publicou na plataforma de contratación a licitación de dous proxectos de reforzo de firme nos treitos máis danados de seis estradas autonómicas da provincia de Ourense coa finalidade de mellorar a seguridade e a comodidade dos seus usuarios, por un importe total de 1.547.394 euros.

A primeira actuación, que conta cun investimento de máis de 776.000 euros, desenvolverase nas estradas OU-102, OU-103, OU-104 e OU-320 e beneficiará aos concellos de Paderne de Allariz, Maceda, Baños de Molgas, Taboadela e San Cibrao das Viñas.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, reuniuse esta mañá cos alcaldes destes municipios para explicarlles polo miúdo os traballos que se van a licitar. Así trasladoulles que este proxecto ten por obxecto a rehabilitación do firme en puntos localizados mediante solucións baseadas no fresado e reposición ou extensión de microaglomerados, segundo as necesidades de cada subtreito, mellora da drenaxe e reposición de sinais horizontais e de elementos de balizamento.

O concello no que se prevén as actuacións máis importantes é o de Maceda, no que se proxectan traballos por un importe de case 210.000 euros; en Baños de Molgas executaranse obras cun presuposto de preto 185.000 euros; no municipio de Taboadela o importe das obras cífrase en pouco máis de 103.000 euros; polo que respecta ás obras do treito da estrada que pasa polo concello de Paderne de Allariz o seu investimento supera os 126.000 euros, mentres que os traballos proxectados en San Cibrao das Viñas superan os 92.000 euros.

Licitación obras OU-504 e OU-801
A segunda actuación cuxa licitación sae hoxe publicada executarase nas estradas OU-504 e OU-801conta cun presuposto de pouco máis de 771.000 euros e beneficiará aos concellos de Padrenda, Beade, Leiro, Cenlle, O Carballiño e Maside.

Coa finalidade de mellorar a seguridade destas dúas vías executarase o fresado do firme existente e a súa reposición cunha mestura bituminosa en quente, ademais de repoñerse a sinalización horizontal e balizamento que resulte afectados polas obras que se realizarán en toda a calzada, ou nos carrís máis danados. O prazo de execución dos traballos é de catro meses.

As obras previstas na OU-801 localízanse nas travesías urbanas dos núcleos de A Agra, A Notaría e Ponte Barxas, pertencentes ao concello de Padrenda, que presentan un firme moi deteriorado polo que debe substituírse na súa totalidade.

O concello no que se prevén as actuacións máis importantes é O Carballiño no que se destinan case 194.000 euros; os traballos proxectados en Maside teñen un presuposto de máis de 180.500 euros; canto ás obras previstas en Padrenda custarán case 167.000 euros; ao concello de Beade destínase 100.700 euros; ao de Cenlle case de 88.000; mentres que os traballos que se executarán en Leiro superarán os 41.700 euros.