O Concello de Ourense rendeulle homenaxe.

Benito Losada xa ten a súa placa na súa querida Casa da Xuventude

O Concello de Ourense rendeulle unha homenaxe ao que fora un gran dinamizador da cultura da cidade e fillo adoptivo da mesma; o mesmo que presidira a súa querida Casa da Xuventude (agora renomeada Espazo Xove).

O acto constou de dúas partes. A primeira delas tivo lugar na Casa Consistorial. Alí, o alcalde da cidade entregoulle un pergamiño, ao seu fillo, co que o Concello recoñece a achega dun home “que quixo e soubo ser axente comprometido, vocacional e dinamizador da cultura na nosa cidade». Estiveron presentes, ademais de parte da corporación municipal, familiares e amigos de Losada.

A segunda parte tivo lugar na Casa da Xuventude. A Coral de Ruada fixo o prólogo e o epílogo dunha cerimonia que tivo como epicentro o descubrimento dunha placa. Decuberta pola súa viúva e o seu fillo nela recórdase ao homenaxeado.

Benito Losada
Nado en Lugo o 19 de novembro de 1946, Benito Losada estivo presente nos momentos culturais de renome da cidade desde os últimos 30 anos. Foi cofundador das extintas Agrupación Fotográfica Ourensá, do colectivo Landrover de Técnicos Culturais, do Club Cultural Alexandre Bóveda, de Aira Iniciativas Culturais, e membro da Comisión técnica de acción cultural do Consello da Cultura Galega. Director da Casa da Xuventude, desde a que promoveu actividades culturais como o Outono fotográfico, a Bienal de Caricatura ou as Xornadas de Banda deseñada.