O 17 de maio en Vilanova dos Infantes a romaría chega a súa 18ª edición.

A “Raigame” estará adicado este ano ás feiras e ao gando

A 18ª romaría etnográfica «Raigame» dedica esta edición ás feiras ao longo dos séculos XIX e XX e ao gando, e contará como novidade coa representación dunha feira de gando e coa mostra de exemplares das diferentes razas autóctonas gandeiras, así como demostracións dos traballos que realizaban. O evento foi presentado hoxe no burgo medieval de Vilanova dos Infantes, que acollerá como e tradicional o vindeiro 17 de maio a celebración desta festa popular –declarada de Interese Turístico de Galicia– que cada ano reúne a miles de persoas.

O Simposio Raigame estará centrado nesta ocasión no traballo realizado polo Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, con sede no Pazo de Fontefiz, e o seu traballo na recuperación de razas gandeiras en perigo de extinción. Tamén participará un representante de Boaga, federación que aglutina ás asociacións de produtores de razas en perigo de extinción, e un membro da asociación AGATRAN-Á Molida (Asociación galega tracción animal) falará da importancia da recuperación de vellos e esquecidos sistemas de traballo con animais nas actividades agroforestais.

As rúas de Vilanova encheranse un ano máis de artesáns de oficios tradicionais e cultura popular, o que, xunto ao teatro, exposicións e actividades programadas volverán situar un ano máis a Vilanova como punto de encontro da etnografía galega.

No acto de presentación tamén se presentou o número 42 da revista Raigame, un monográfico sobre fotografía e fotógrafos de Ourense, estudos fotográficos, retratos e retratistas da Limia, os comezos da fotografía en Ourense, e as coleccións fotográficas do Museo Etnolóxico de Ribadavia.