O evento terá lugar os días 27 e 28 de xullo, nos municipios de Manzaneda e da Pobra de Trives.

Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas chega as dez edicións

O Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas chega a súa décima edición cun completo programa cultural a celebrar os días 27 e 28 de xullo, nos municipios de Manzaneda e da Pobra de Trives.

Programa
O programa desta décima edición comezará na Pobra de Trives o sábado, 27 de xullo, ás 12.30 horas, coa mostra de Bandas de Gaitas, onde actuarán Toxos e Xestas de Barcelona, “Os trinta de Trives” e a Real Xuvenil. Ás 18 horas, a Igrexa de Manzaneda, acollerá o II Serán da Seitura, en memoria de Ludivina Pérez Ricoi, no que se presentará o “Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives”. Ás 20 horas, na praza do Concello da Pobra de Trives, terá lugar un concerto a cargo da agrupación “Os trinta de Trives” e, o peche da xornada realizarase na Estación de Montaña, a partir das 22.30 horas, coa Noite Celta, onde actuarán Toxos e Xestas de Barcelona, o plantel de xuíces do Certame, a Real Xuvenil, e as Cantareiras da Real Banda.

Ao día seguinte, o domingo, 28 de xullo, a programación dará comezo, no municipio da Pobra de Trives, ás 10 horas coa Alborada a cargo da agrupación “Os trinta de Trives”. Posteriormente, o Campo de Competicións da Cabeza Grande de Manzaneda acollerá ás 10.50 horas a competición das Bandas de Gaitas das categorías dos graos 4º e 3º e, ás 12 horas, terá lugar a exhibición do Folión “Os labregos de Trives”. Ás 12.15 horas celebrarase o concurso de Bastóns de Mando e o Concurso de Gaiteiros Solistas. Posteriormente, a partir das 13 horas continuará a competición das Bandas de Gaitas dos graos 2º e 1º, e ás 13.30 horas terá lugar a ofrenda floral ante o monumento a D. Gabino García, en memoria de quen se celebra esta décima edición do Certame, acompañada pola Banda Toxos e Xestas de Barcelona. A continuación, será a entrega de premios, medallas e distincións que rematará cunha actuación conxunta de tódalas bandas participantes.