Sala Ourense, Envialia e Cidade das Burgas comezan a tempada.

A espera rematou: regresa o fútbol sala

Remataron os tempos da carga de traballo e das probaturas para dar paso ao que os afeccionados queren de verdade: o inicio das competicións. Sala Ourense (en Segunda división B) e Ourense Envialia e Cidade das Burgas (en Primeira división) abren o curso esta fin de semana.
O Sala Ourense despois de caer derrotado nos oitavos de final da Copa Galicia ante o Pizarras Los Tres Cuñados por 3-4 comeza a liga na cancha do Leis Pontevedra. O equipo do Barco, Pizarras Los Tres Cuñados, arranca a liga na casa (sábado, 18.30 horas) fronte o Ribeira de Piquin FS.

Primeira división
As que tamén comezan a competición son as xogadoras da Primeira división. Este ano Ourense volve a ter dous equipos na máxima categoría: o Ourense Envialia que fixo unha excelente campaña o curso pasado rematando na terceira posición, e o Cidade que logrou un brillante ascenso despois de estar un ano na Segunda división.

As albinegras xogan na casa ante o Leganés (sábado, 17 horas). As de Morenín tentarán, alomenos, facer o mesmo papel que no curso pasado (foron terceiras) e estar á espreita de Burela e Futsi, máximas favoritas a loitar polo título.

O Cidade das Burgas chega con enerxías renovadas despois do seu “ano no inferno” particular. Cun equipo, coma sempre, moi novo, este ano contarán coa veteranía de Lucía Nespereira, quen regresa á competición despois duns anos afastada das canchas. O obxectivo das franxiverdes é claro, a permanencia. A primeira xornada as leva ata terras alicantes para enfrontarse a outro recén ascendido, o Xaloc Alacant.