O OUFF e o Centro Comercial Aberto Ourense Centro invitan ás familias ourensás ao cine

Dúas películas para ver en familia

O Ourense Film Festival (OUFF) en colaboración co Centro Comercial Aberto Ourense Centro apostan polo Cine Familiar na súa 24ª edición, regalando entradas para dúas proxeccións. Os clientes do CCA Ourense Centro que merquen nos establecementos adheridos a próxima semana recibirán invitacións para ver unha película a escoller entre “Campeones” e “Elcano y Magallanes”, os días 28 e 29 de setembro no Auditorio Municipal. Con esta novidade, o festival busca atraer aos máis pequenos da casa ás salas de cine con dous filmes pensados para ver en familia.

A mecánica da promoción
A mecánica desta promoción é moi sinxela. Con cada compra realizada nos establecementos que teñan o cartel de Cine Familiar, os clientes recibirán unha invitación, válida por unha entrada para un neno e unha para un adulto. Esa invitación deberá ser canxeada polas entradas para a película que se escolla (ata fin de aforo) no stand que o OUFF terá instalado na rúa do Paseo a partir do día 25 de setembro.

Proxeccións
O día 28 será a quenda de “Campeones” (2018) de Javier Fesser. Trátase dunha comedia dramática na que Javier Gutiérrez interpreta a Mario, un adestrador de baloncesto en declive que debe adestrar a un equipo composto por persoas con discapacidade intelectual como traballos comunitarios. A cinta foi nomeada a 11 Premios Goya, dos que gañou 3, entre eles, o de mellor película. Tamén foi seleccionada pola Academia de Cine para representar a España nos Óscar 2019.

O domingo 29 tócalle a “Elcano y Magallanes. La primera vuelta al mundo” (2019), unha película de animación dirixida por Ángel Alonso de 90 minutos de duración. O filme narra dun xeito divertido e para todos os públicos a aventura cara o descoñecido que protagonizaron o navegante portugués Fernando de Magallanes e o vasco Juan Sebastián Elcano no seu camiño cara o novo mundo.