O proxecto para a Vía da Prata desenvolve este outono rutas a pé, actividades gastronómicas e obradoiros para nenos e adultos de balde.

Vive o Camiño fai parada en Piñor, Paderne de Allariz e Sarreaus

O programa Vive o Camiño dinamiza e pon en valor durante este outono o patrimonio xacobeo da Vía da Prata a través dun cento de actividades en 35 concellos galegos. Trátase dunha iniciativa da Xunta de Galicia que esta fin de semana fai parada nos municipios de Sarreaus, Piñor e Paderne de Allariz.

No caso de Sarreaus, as actividades terán lugar o venres e arrancarán ás 10,30 horas co paseo de Freixo a Aldea Rural Couso, seguidos de obradoiros infantís no Colexio de Primaria de Sarreaus. Pola tarde a actividade complétase cun obradoiro para adultos, ás 16,30 horas. O evento Catar o Camiño será ás 17,30 horas, momento no que os participantes poderán degustar produtos locais e historias dos nosos convidados. Ambas actividades serán no Salón de Actos do Concello.

O sábado o ciclo chegará a Piñor onde, ás 10,30 horas, partirá unha camiñada do Campo da Festa de Arenteiro que percorrerá o sendeiro ecolóxico de Peilán. Pola tarde, as actividades trasladaranse ata o Multiusos de Alabarona, que acollerá os obradoiros infantís (16,00 horas), de adultos (17,00 horas) e a actividade enogastronómica Catar o Camiño, tamén ás 17,00 horas.

A última parada da fin de semana será o domingo en Paderne de Allariz. Ás 10,30 horas os participantes nesta xornada realizarán o Paseo pola ruta da Santa Pedra partindo da praza das Penelas. O programa de actividades continuará pola tarde con dous obradoiros: Memorias de Prata e Xogando coa natureza. O primeiro, pensado para o público adulto, terá lugar ás 16,30 horas, mentres que o obradoiro infantil será ás 17,30. Ambos terán lugar na Casa do Concello. Tamén se celebrará nesta localización a actividade Catar o Camiño que terá lugar ás 17,30 horas.

Os interesados en participar en calquera destas actividades, gratuítas pero con necesidade de inscrición previa, poderán reservar praza chamando ao número de teléfono 722876073.