Faise unha paréntese ata que pase a situación actual.

Suspéndese a festa do Boi de Allariz

A Asociación Cultural Xan de Arzúa e o Concello de Allariz, ante o estado de pandemia internacional declarado pola Organización Mundial da Saúde o 11 de marzo de 2020 e o estado de alarma declarado o 14 de marzo de 2020 polo Goberno de España, para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, comunican a decisión sobre a celebración da edición 2020 da Festa do Boi que ía a desenvolverse do 6 ao 14 de xuño.

Esta decisión foi meditada, debido a incerteza que se presenta para as próximas semanas, ou incluso meses, sobre a situación actual.
Unha festa con mais de 700 anos de historia e que no ano 1983 un grupo de mozos rescataron da memoria. Nese momento, non fixeron mais que dar un primeiro paso, aínda que fundamental, nun proceso de recuperación cultural.

Tampouco admite discusión o carácter popular da celebración. A participación cidadá na Festa do Boi é o eixe mais importante, dende a súa estrutura organizativa ao desenvolvemento de numerosas actividades non só culturais senón lúdicas, pasando polo financiamento co seu aporte individual e voluntario por parte dos veciños e veciñas. Na situación actual é un exercicio de responsabilidade o de suspender a Festa do Boi para este ano 2020 tal e como a coñecemos.

Esta é unha festa do pobo, para o pobo e protagonizada polo pobo. Declarada Festa de Interese Turístico Galego, recoñece o seu valor cultural, as súas características populares e o atractivo turístico que ano tras ano anima a miles de persoas a achegarse a ela.

«Por todo iso consideramos que a opción mais responsable neste momento é facer unha paréntese, e agardar que pase esta situación para analizar posible alternativas que nos permitan manter o recordo da Festa do Boi 2020», remata o comunicado da Asociación Cultural Xan de Arzúa e o Concello de Allariz.