Decrecendo

Decrezan con nós!

Como un meniño con zapatos novos. Así me sinto agora mesmo pola oportunidade que me da a boa xente do periódico Barrios de comezar esta humilde sección adicada ao Decrecemento. Ante todo, dicir que non son un experto internacional, nunca enchín paraninfos ou estadios falando destas cousas. Só son unha persoa que consume moito decrecemento (que incongruencia! Consumir Decrecemento!) e que desexo aportar o meu gran de area para que outras persoas poidan interesarse por esta… que? Filosofía? Teoría económica? Movemento político? O Decrecemento é una corrente de pensamento con aspectos sociais, económicos, tecnolóxicos, etc. moi diversos e que chocan frontalmente co estilo de vida actual que levamos nos países desenvolvidos.
Pero comigo non vai nada diso…
“Boeno”, non cuspa para arriba. Pode que vostede xa sexa unha persoa decrecentista e aínda non o saiba. Fagamos un exercicio mental e conteste ás seguintes cuestións:
– Coida que os recursos materiais do planeta Terra son ilimitados?
– Coida que como sociedade podemos crecer ilimitadamente?
Se respostou “non” a ámbalas dúas cuestións, xa está no allo! Xa hai un fío de Decrecemento no seu interior, so ten que desenrolalo (si, aquí está ben escrito) e tal vez o gañemos para a causa. Benvido/a!
E que raio é iso do Decrecemento?!

O Decrecemento
O Decrecemento sostén que non se pode crecer ilimitadamente nun planeta finito, que o desenvolvemento económico é por definición insostible e que se pode vivir mellor con menos, reducindo o noso impacto en todas as áreas da vida: traballando, producindo, gastando e consumindo menos, moito menos.
Non é un movemento novo, xa se empezou a falar deste asunto en 1971 pero é certo que nestes anos, desde que ás crises económicas se lle engadiron as pandemias sanitarias, esta corrente xunto con outros movementos ecoloxistas gañaron pulo.

O noso planeta teima en que non da mais, os recursos esgótanse (especialmente os combustibles fósiles) e temos que abrir os ollos ao feito de que toda a nosa sociedade está construída sobre uns alicerces que non nos aturan máis. Na nosa man está que o paso á nova situación que se achega (algún chámalle “nova normalidade”) sexa coordinado, solidario, construtivo ou, pola contra, sexa bárbaro, cruel e cheo de pesares. Esa é a nosa elección. Case todos seremos decrecentistas queiramos ou non, pero si nos organizamos, poderemos facer que ese futuro decrecentista estea cheo de oportunidades.

A imaxe
Vou procurar deixar unha imaxe en cada artigo desta nova sección. Hoxe comezamos coa imaxe do caracol, unha icona decrecentista polo seguinte motivo: O caracol constrúe a súa cuncha engadindo unha tras outra espiras cada vez mais amplas; despois cesa e comeza a enroscarse esta vez en decrecemento, xa que unha soa espira máis daría á cuncha unha dimensión 16 veces máis grande, o que en lugar de contribuír ao benestar do animal, o sobrecargaría. Nesa situación de sobrecrecemento, calquera esforzo do caracol só servirá para paliar as dificultades creadas pola ampliación esaxerada da súa cuncha, fóra dos límites fixados pola súa finalidade. (Ivan Illich dixit).
Decrezan con nós.

Óscar Blanco