A asamblea do club explicou as dúbidas sobre a unión co Ourense CF.

Os socios da UD Ourense esquivan a fusión

A asamblea extraordinaria da Unión Deportiva Ourense facíase por primeira vez no auditorio e con medidas extraordinarias por mor da COVID-19. Extraordinario, para máis inri, era o tema a tratar: a fusión da UD Ourense e o Ourense CF. Xa no verán de 2014 fixéranse reunións para abordar este tema; o éxito foi nulo e cada club seguiu polo seu camiño.

Anos despois, e co alcalde da cidade -Gonzalo Pérez Jácome- ao fronte da iniciativa, rexurde a idea da unificación. O rexedor considera que sería bo ter un só equipo potente na cidade para buscar cotas maiores.

Durante a asamblea, a directiva explicou todos os pasos dados ata a data e o que plantexan desde concello e o outro club. Mesmo o presidente do Ourense CF, Camilo Díaz, explicou a súa postura, porén a dos socios unionistas era outra distinta desde fai tempo.

Difícil parece que saia adiante a idea de Jácome e Díaz, máxime se temos en conta que apenas habería tempo material para convocar outra asamblea. Ademais, en caso de votar a favor habería que agardar a se o Ourense CF ascende ou non de categoría (en caso de ascenso a unificación xiraría en torno a este; en caso de non subir, sería sobre os piares da UD Ourense cos que se cimentaría o novo club).

As peñas
O día antes da asamblea todas as peñas da UD Ourense (A Caña, Ouligans, Escornaboys, Cambeo, Polbo á Feira e Vedette) mostraron o seu rexeitamento á fusión en forma de comunicado. A débeda do Ourense CF (650.000 euros) e a forma de levar o club (o Ourense CF ten moito xogador de fóra e a Unión conta con moitos xogadores de aquí) foron algunhas das causas polas que rexeitan a operación. Ademais, consideran que de estar de acordo isto leverá á “desaparición, cando levamos cumpridos só 6 anos de vida” e recordan que en 40 anos de historia o Ourense CF (con todas as súas denominacións anteriores) chegou a Terceira, a mesma categoría que a UD “en só seis anos”.

O alcalde responde
O alcalde lamenta que a asemblea da UD Ourense rexeite a axuda ofrecida para crear un equipo que represente a cidade nas grandes ligas.
Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, asume que a súa oferta para lograr un equipo de fútbol competitivo “conclúe aquí”, logo de que a asemblea da Unión Deportiva Ourense rexeitase a súa oferta de fusión co Ourense CF. Na súa opinión, quixeron sentarse as bases para crear un equipo representativo que pasease o nome da cidade polas grandes ligas, así coma dunha canteira sólida, sen investir diñeiro público, pero a asemblea decidiu “seguir nas tebras”.

Pérez Jácome ofrecía a fórmula do apoio económico mediante sponsors privados para a UD Ourense durante a tempada 2020-21, coa fin de tentar o ascenso de categoría, entre as medidas para avanzar na fusión. Entre outras decisións, correspondíalle á base social deste club converterse en SAD. O alcalde lamenta que a resposta dos socios da Unión Deportiva responda a criterios emocionais, “ao odio”.