Barbadás promove unha campaña para dinamizar o comercio local

“ReVive os comercios de Barbadás” é o título da campaña dinamizadora das compras no comercio de proximidade que promove o conello. Esta acción busca a dinamización do comercio local. A campaña constará de 1.000 bonos de desconto, por valor cada un deles de 10 euros que se poderán empregar como desconto en compras superiores ou iguais a 30 euros nos establecementos de Barbadás adheridos á campaña. A campaña realizarase entre o 15 de setembro e o 30 de setembro (ou ata que se troquen os mil bonos postos en circulación). Na mesma, poderán participar todos os clientes do comercio de Barbadás maiores de 18 anos que se rexistren na páxina web www.comerciobarbadasrevive.es e descarguen correctamente o seu bono. Cada usuario, que deberá estar empadroado no concello, só podera usar un bono.

Para o seu troco teranse que presentar ao comerciante ben a través do correo descargado no móbil ou debidamente impresos antes de que perdan a súa vixencia (48 horas, pasado ese tempo perderán a súa validez).

Axudas
Por outra banda, o Concello de Barbadás activa a creación de emprego no municipio co programa de axudas municipais para crear empresas.
As axudas están dirixidas a empresarios individuais e pequenas e medianas empresas que iniciasen a súa actividade empresarial entre o 1 de novembro de 2019 e o 30 de setembro de 2020. Esta convocatoria financiase cun importe de 15.000 euros, contía que poderá ampliarse en función da dispoñibilidade orzamentaria.
Entre os requisitos xerais dos beneficiarios figuran que a empresa teña o seu domicilio fiscal e o centro de traballo no concello de Barbadás. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro.

As empresas deben ser de nova creación, considerando incluidos neste concepto os traspasos de negocios, excepto aqueles que se realicen entre cónxuxes ou parellas de feito e familiares por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao. Como mínimo cada empresa debe crear un posto de traballo, non ter débedas coa Seguridade Social nin coa Consellería de Economía e Facenda, coa Axencia Estatal, de Administración Tributaria nin co Concello de Barbadás. As axudas son a fondo perdido e a súa finalidade é subvencionar a reación do propio posto de traballo e parte dos gastos iniciais da posta en marcha da actividade.

O importe da axuda ten unha contía fixa de 500 euros pola cración do propio posto de traballo, e unha variable equivalente á metade dos gastos iniciais de posta en marcha da actividade cun máximo de 1.000 euros por empresa.
O prazo máximo para resolver será, como máximo, de tres meses dende a presentación de solicitudes no Rexistro Xeral do Concello de Barbadás.