O Concello inicia un plan de dinamización turística que reivindica a natureza, os espazos de lecer e a cultura propias.

Barbadás estrea imaxe

O concello de Barbadás conta dende onte cunha nova imaxe turística encabezada polo logo Quéreo, víveo, coa que o concello pretende dinamizar a vida municipal e convertir o seu territorio nun lugar atractivo para veciños e os visitantes.

O proxecto foi presentado esta polo concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Fírvida, xunto con Luis Baños, autor e redactor do proxecto coa sua empresa Visual Q. Cas novas ferramentas, segundo dixo Fírvida, Barbadás e agora “sinónimo de natureza, de deporte ao aire libre, de simbiose entre o mundo rural e o urbano, de espazo de lecer, de servizos e comercio, mais tamén de cultura e disfrute do tempo libre”.

Ademais de amosar a sua satisfacción polo traballo realizado, o concelleiro do BNG indicou que a nova imaxe “fica reflectida no seu novo logo (“Barbadás, quéreo, víveo”), no que detrás de cada letra de Barbadás se recolle como motivo o mundo urbano, representado pola Valenzá; o rural, as parroquias, a natureza, a auga –en forma de río- representando o Regato dos Muiños, os nacentes e fontes do concello, e a noite como lugar excepcional de observación do ceo nocturno”.

O obxectivo do proxecto de dinamización, apuntou o concelleiro, é “dinamizar o turismo no concello de Barbadás, onde rachamos coa imaxe do urbanismo ligado no seu día á especulación inmobiliaria, para mudalo por un espazo de vida e desfrute, rodeado de natureza por todas as partes e cun potencial turístico a valorizar, un patrimonio histórico por descubrir, como a igrexa de San Martiño de Loiro, de principios do século XII, cun pórtico con arquivoltas realmente espectacular; roteiros para andainas ou percorridos para BTT ou enclaves de gran beleza natural fortemente enraizados pola tradición, como O Tangaraño ou o San Bieito de Cova do Lobo”, manifestou Fírvida.

Con todo, o edil nacionalista, subliñou que o plan presentado “ten unha concepción transversal”, pois “pretendemos aumentar a oferta turística de Barbadás nun futuro inmediato coa apertura do Museo da Gaita de Fole, o primeiro do concello, que queremos convertir en referente que supere as barreiras do noso país”.

O responsable de Turismo sinalou que “todas as razón apuntadas dan sentido ó lema Quéreo, víveo, porque queremos que o concello de Barbadás sexa o lugar onde vivimos e durmimos, mais tamén o espazo onde paseamos, disfrutamos da natureza o deporte, a cultura ou o patrimonio. Barbadás é un mirador cara a capital, un enclave ideal para percorrelo paseniñamente, mais tamén para vir de compras ou comer nalgún dos moitos e magníficos restaurantes que ofertan unha tentadora aposta gastronómica”, rematou Xosé Manuel Fírvida.

Luis Baños, pola sua banda, explicou os dispositivos aplicados para conseguir os obxectivos plantexados para por en valor o concello de Barbadás. Entre eles apuntou a “unha web moderna, chea de datos, imaxes, información e contactos”, así como patrimonio natural, artístico, monumental e histórico. Asimesmo, procedeuse á sinalización dos puntos de interés con sinalizadores informativos de cada lugar e con código QR de acceso á páxina web de turismo de Barbadás a través dos dispositivos móviles, onde se amplía a información.

Dentro do plan de dinamización, a Concellería de Turismo levou a cabo a sinalización de todas as entradas e saídas do concello con nova cartelería vertical, co logotipo e mapa do concello onde se da a benvida aos visitantes.