Desde a responsabilidade.

Verín quere “manter viva a chama do Entroido”

O Concello de Verín vén de anunciar un paquete de accións promocionais deseñadas coa finalidade de manter viva a chama do Entroido de Verín neste ano marcado pola pandemia provocada pola Covid-19. Á repartición de mascarillas temáticas do Entroido realizada nos centros educativos de Verín, súmanselle unha campaña de visibilización nas plataformas dixitais institucionais e a distribución entre os establecementos comerciais de Verín de pancartas para os balcóns e chapas, destinadas aos veciños e veciñas de Verín.

“Entroido de Verín, sempre latexando”
Este é o lema elixido para a campaña que lanza o Concello e coa que se quere contribuír, de maneira segura e responsable, a manter vivo ou espírito do noso Entroido, nun ano no a programación presencial destas tradicionais festas tivo que ser suspendida para garantir a seguridade da cidadanía. Para iso, a concellería de Cultura e Festexos lanza varias accións específicas que se poñen en marcha hoxe, coincidindo co xoves de compadres, e finalizan o vindeiro mércores de cinza.

O Concello de Verín, en colaboración coa Asociación de Hostaleiros de Verín (AEHCOM) e a Asociación de Empresarios de Verín (AEVER) -así como co resto de negocios que conforman o comercio local- realizarán unha distribución masiva de chapas e pancartas de balcón destinadas a «manter viva a chama do Entroido». As persoas interesadas en adquirir este material promocional, que estará dispoñible a partir deste venres 5 de febreiro, só teñen que buscar o distintivo da campaña: “Entroido de Verín, sempre latexando” no escaparate do seu establecemento comercial de confianza.

«Despois de barallar diferentes posibilidades decidimos que esta é a maneira máis operativa de repartir o material promocional. Deste modo, ademais de contar con máis dun centenar de puntos de distribución, contribuímos a que os verineses e verinesas acudan ás súas tendas de confianza, fomentando en certa medida a realizar as súas compras, desde a responsabilidade, no comercio local», explicou Emilia Somoza, concelleira de Educación Cultura e Festexos do Concello de Verín.

Pola súa banda, o presidente de AEVER, José Ángel Rodicio, confirmou tamén que todos os establecementos adheridos a asociación de empresarios decorarán os escaparates con temáticas entroideiras. «Ademais de decorar os nosos locais comerciais, recibiremos aos nosos clientes, como non podería ser doutra maneira, disfrazados».

Outra das accións programadas será unha campaña promocional que se lanzará a través da web e redes sociais oficiais do Concello. Consistirá na reedición do diferente material audiovisual recompilado nas últimas edicións do Entroido, co que se realizarán publicacións diarias que nos permitirán rememorar todos os grandes momentos que se viven nestas tradicionais festas.

Repartíronse nos centros escolares da vila as máscaras temáticas baseadas na principal figura do Entroido de Verín, o Cigarrón. O deseño dás máscaras foi elaborado pola artista local, natural de albarellos, Aurora López e ou propio cobre bocas, hixiénico e reutilizable, fabricado pola empresa Nicandra con tecido homologado pola normativa UNE0065 para filtrar e protexer #ante a COVID-19.

Para finalizar, Somoza anunciou que «dada a gran acollida que tivo entre a veciñanza a iniciativa das máscaras temáticas, desde o Concello de Verín decidimos abrir a venda ao público xeral. Os cubrebocas poderán mercase na taquilla exterior do Pavillón Municipal de Deportes (rúa Irmáns Moreno) por un prezo de 5 euros, entre o luns 8 e o venres 12 de febreiro. (Horario: Pola mañá, de 10:00 a 13:00; Pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas).

Reforzo de seguridade
Desde a área de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, dirixida por Cándida Couñago, confirmaron que, a pesar de non haber programación presencial, manterase o reforzo dos efectivos ordinarios de Policía local, que como vén sendo habitual realízase nos principais días do Entroido, coa finalidade de garantir o cumprimento das medidas sanitarias vixentes.

Couñago quixo apelar tamén á responsabilidade individual de os cidadáns e cidadás do municipio para conseguir dobregar canto antes a cadea de contaxios provocados pola Covid-19. «Queremos lembrar aos veciños e veciñas de Verín que a nosa Comunidade Autónoma atópase en nivel máximo de restricións e, entre outras medidas, están totalmente prohibidas as reunións de non conviventes tanto no ámbito privado como público».

SOURCE: Entroido de Verín, sempre latexando