Os “Next Generation” para a recuperación económica.

A Deputación de Ourense pon en marcha a estratexia para captar fondos europeos

A Deputación de Ourense vén de poñer en marcha unha estratexia de cooperación conxunta para captar fondos europeos “Next Generation” para a recuperación económica trala crise provocada polo COVID-19. Para elo, o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, lidera unha iniciativa que implica de maneira transversal a varios departamentos da institución, así como a consultores, técnicos e políticos “para planificar e desenvolver proxectos que acheguen a Ourense fondos procedentes de Europa para reactivar canto antes a economía provincial”, afirma Baltar.

Tivo lugar por videoconferencia a primeira reunión das reunións que este equipo multidisciplinar vai levar a cabo ao longo de 2021 co obxectivo “de atraer canto antes e canto máis sexa posible” achegas económicas “para que a nosa provincia poida recuperar o ritmo de crecemento económico previo á pandemia”, afirma Manuel Baltar.

O presidente da Deputación considera que nun momento tan importante como o da inminente da postpandemia chega a recuperación económica, “para o cal, a Deputación de Ourense xa veu dando pasos firmes coa constitución do “Comité do día despois”, da man do empresariado e coa colaboración público-privada como bandeira, con resultados notables como foron as axudas autónomos e ás federacións e organizacións empresariais da provincia”.

Baltar remarca que a Deputación planifica esta nova etapa “na que os fondos europeos serán fundamentais para a recuperación económica, e para iso hai que contar coas achegas dos directores de área da institución provincial, de consultores e dos deputados provinciais más focalizados neste ámbito”, salientando que Jorge Pumar “será quen unifique os criterios e quen materialice as propostas, encamiñadas cara ás areas de maior potencialidade da provincia de Ourense, como son as referidas á agroalimentación, a tecnoloxía, o turismo ou o termalismo”.

Nestes sectores, valora Baltar, “xa temos desenvolvido importantes proxectos coa participación de fondos comunitarios”, citando como exemplo, no eido do turismo cultural, o proxecto de “Ourense, destino intelixente”; no eido do emprendemento, o proxecto EmprendOU, e no eido do termalismo, o proxecto “Raia Termal”, en colaboración con Portugal, “unha cuestión transfronteiriza que tamén nos ten que dar un plus e onde a Deputación ten que estar á vangarda”.

Manuel Baltar afirma que a reunión  tivo como obxectivo “deixar claros os protocolos de funcionamento nun momento de tanta relevancia como este, no que Europa agarda valorar proxectos que realmente impliquen dinamización do territorio, ámbito no que a Deputación ten sobradas ideas e propostas para facelos realidade; isto nacera da man da cooperación, da colaboración, das iniciativas que sexamos quen de impulsar, pero, por riba de todo, da concreción. Nese camiño iniciamos hoxe esta andaina”.

Neste sentido, no pasado Debate do estado da provincia, Baltar xa avanzara a importancia de achegar a Ourense fondos “Next Generation” e tamén de contar cunha oficina específica na Deputación para que os concellos tivesen un interlocutor válido para resolver calquera dúbida nesa estratexia europea denominada “Green deal”, o gran pacto verde. Nesta liña, a “Economía circular” terá tamén o seu protagonismo, e a reunión de hoxe permite visualizar “que hai proxecto, que hai unha provincia con dinamismo para protagonizar nos próximos tempos a reactivación económica sendo beneficiaria de eses fondos, poñendo de relevo, ademais, a nosa visibilidade internacional en entidades que nos permiten chegar a contactos directos coas altas institucións comunitarias”, sinala Manuel Baltar.

SOURCE: Fondos europeos