O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, informou nunha reunión co xuíz decano, a secretaria provincial coordinadora, a fiscal xefa e o presidente da Audiencia Provincial.

Varias dependencias da Audiencia Provincial contarán con climatización

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo encontros co xuíz decano, Leonardo Álvarez; a secretaria provincial coordinadora, Josefina Diz; a fiscal xefe, Eva Regueiro; e o presidente da Audiencia Provincial, Antonio Piña.

A Xunta leva investidos entre as actuacións previstas para este exercicio e as do ano pasado máis de 380.000 euros na mellora da eficiencia enerxética nos xulgados de Ourense. Así, este ano o Goberno galego levará a cabo a instalación de climatización dos despachos e oficinas da Sección Segunda da Audiencia Provincial, finalizando as actuacións deste tipo nos edificios xudiciais da cidade.

Ademais, o ano pasado instaláronse unhas 470 luminarias con tecnoloxía LED que supuxeron unha redución de 46,2 toneladas anuais de emisións de dióxido de carbono e un aforro de máis de 11.000 euros anuais. E co obxectivo de facilitar a ventilación natural dos espazos colocáronse un total de 87 fiestras de dobre acristalamento, que supuxeron unha redución do consumo de enerxía de máis de 12.500 euros cada ano.

A Administración autonómica puxo en marcha en 2015 o Pazo da Xustiza de Ourense que conta con máis de 17.600 metros cadrados con capacidade para 24 xulgados, ademais de albergar outras dependencias como a Fiscalía provincial, o Instituto de Medicina Legal ou o Rexistro Civil.

SOURCE: climatización Audiencia Provincial