Conmemoran o 250º aniversario do nacemento do coronel.

O Pereiro homenaxea a Bernardo González del Valle

O Pereiro de Aguiar rendeu homenaxe á figura de Bernardo González del Valle, o coronel Cachamuíña (no seu 250º aniversario), cun acto celebrado diante da súa casa natal, no pobo que lle deu o seu alcume, “a unha figura clave na Guerra da Independencia, e polo tanto, transcendental para Vigo e para toda Galicia”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacando a Cachamuíña como “orgullo de Ourensanía”.

A celebración contou coa participación do alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, e coa presenza dos delegados territoriais da Xunta en Ourense e Vigo, Gabriel Alén e Marta Fernández-Tapias, respectivamente; da deputada provincial de Cultura, Patricia Torres, e tamén de descendentes de Bernardo González del Valle, aos que se sumou un actor caracterizado como o coronel Cachamuíña, quen fixo unha glosa da súa figura, agradecendo ás institucións e ao seu pobo “que lembraran tal día como hoxe á súa memoria”.

Ao remate do acto tivo lugar o descubrimento dunha placa conmemorativa da efeméride e a interpretación, por parte da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, da Muiñeira de Pontesampaio, melodía vencellada á historia do coronel ourensán.

Bernardo González del Valle, o coronel Cachamuíña, foi unha figura clave na Reconquista de Vigo en 1809, durante a Guerra da Independencia Española. Naceu en 1771 no pobo que lle da o seu alcume e faleceu no mesmo lugar en 1848.

SOURCE: homenaxe Bernardo González Cachamuiña o pereiro