O Centro de Desenvolvemento Agrogandeirodo Inorde, a pleno rendemento co fin de preparar os solos para o cultivo da pataca da Limia.

O laboratorio do Inorde colabora nas explotacións da pataca

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde atópase estes días a pleno rendemento. O motivo é que a chegada do bo tempo no pasado mes de marzo adiantou os labores de preparación dos solos destinados ó cultivo da pataca da Limia. Unha parte fundamental de dita preparación é a realización dunha análise de solo que permita mellorar a rendibilidade das explotacións ao asegurar unha correcta fertilización, e posibilita unha maior produción e calidade, sen que isto supoña un prexuízo para o medio natural. Por elo, o laboratorio do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde atópase nestes días a plena produtividade xa que unha parte importante das máis de 3.000 analíticas anuais de solo que realiza se corresponden con solos de cultivo de cereal e pataca da Limia.

En relación ó cultivo da pataca, o laboratorio do Inorde realiza anualmente preto de 1.700 analíticas de determinación de presencia na terra de cistes de Globodera spp, patóxeno que causa importantes perdas económicas neste cultivo e no que o Centro Agrongandeiro é o único laboratorio acreditado pola Empresa Nacional de Acreditación (ENAC) no ámbito estatal para a súa determinación. Así mesmo, cabe destacar o importante investimento que o Inorde realiza no mantemento deste tipo de solucións técnicas co fin último de lograr un sector primario forte, tecnificado ecompetitivo sen que isto leve asociado un menoscabo do necesario respecto ó medio ambiente.

SOURCE: Inorde en Xinzo