Para axudar a persoas con dificultades de comunicación.

Xinzo aposta pola linguaxe sinxela en espazos públicos

O Concello de Xinzo comezará a instalar pictogramas nos pasos de peóns das proximidades dos centros escolares para eliminar barreiras cognitivas, así como xa o fixo nos edificios públicos da vila.

Deste xeito, o Concello de Xinzo de Limia segue mostrando o seu compromiso para axudar a este colectivo. As plantillas cos símbolos acaban de chegar e está previsto que nos próximos días comecen os traballos de pintura. “Para. Mira. Coche parado. Cruza”. Esta é a secuencia de pictogramas que poderá verse nos pasos de cebra. A través de sinxelas imaxes facilitarase a comprensión da mensaxe e, polo tanto, a mobilidade a aquelas persoas con necesidades cognitivas. Deste xeito, ademais das persoas con TEA (Trastorno do Espectro Autista), poderán beneficiarse da idea aquelas con problemas de comprensión, discapacidade intelectual ou maiores.

A iniciativa partiu do colexio Rosalía de Castro de Xinzo de Limia, que leva un tempo traballando a metodoloxía Teacch para que os alumnos con problemas de comunicación puideran desenvolverse o mellor posible no seu entorno. Así, colocáronse primeiro logos nas zonas comúns do colexio para indicar de forma sinxela as diferentes estancias e a proposta tivo unha resposta tan boa por parte dos estudantes que decidiuse trasladar ao Concello a posibilidade de levar os pictogramas aos edificios públicos, onde xa foron colocados os paneis. Agora, unha vez que se levou a cabo este traballo nos edificios públicos, o executivo local segue a mostrar o seu compromiso para mellorar accesibilidade no municipio e instalará os símbolos nos pasos de cebra.

Cómpre destacar que Xinzo de Limia é o único concello da provincia de Ourense e o segundo de Galicia con este tipo de sinalización, que ten como obxectivo a inclusión. Ademais, a súa aposta por mellorar a mobilidade na vila materializarase no primeiro plan de accesibilidade do municipio para eliminar as barreiras arquitectónicas dos espazos públicos. Para levalo a cabo estase a traballar da man de Cogami, referente en Galicia para as persoas con discapacidade. Acordouse que o primeiro paso sexa a realización dunha auditoría para detectar todos os puntos críticos e poder deseñar o plan, que será a folla de ruta para futuras intervencións.

Os responsables municipais son conscientes de que en época de pandemia deben deseñar espazos seguros e saudables con proxección de futuro, ademais de adaptar os que xa existen para que toda a poboación poida gozar plenamente deles.

SOURCE: pictogramas xinzo