No número 45 da revista.

A arqueoloxía na provincia, especial na Raigame

“A arqueoloxía é un dos grandes ámbitos da cultura ourensá e unha das fontes á que debemos acudir sempre para saber quen somos e para intuír cara onde imos”, dixo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación do número 45 da revista Raigame, que nunha edición especial á que se sumará un segundo volume dedica o seu contido á actividade arqueolóxica na provincia desde un punto de vista científico e divulgativo.

No Pazo provincial, Baltar recibiu o novo exemplar de Raigame de mans do director da revista e do Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo, Xulio Fernández Senra, e do director do Museo Arqueolóxico Provincial, Xulio Rodríguez, aos que felicitou pola importancia dos artigos e dos colaboradores seleccionados.

Para o presidente provincial, “este número engrandece toda a obra dunha das principais apostas editoriais da Deputación, unha revista que poñemos a disposición de estudosos, investigadores, centros de ensino, museos e arquivos de Galicia nunha liña editorial moi acertada e da que non hai movemento semellante en Galicia”.

Manuel Baltar tamén celebrou que Raigame centre o contido deste novo número na arqueoloxía, “campo no que ocupa un lugar destacado Florentino López Cuevillas, impulsor da renovación desta actividade en Galicia e vencellado á revista Nós, da que celebramos o seu centenario mantendo vivo o legado e as achegas que fixeron un grupo de intelectuais que souberon interpretar e entender Galicia”.

Xulio Fernández Senra explicou que, seguindo a liña de monográficos da revista, “démonos conta de que esta era unha boa ocasión para tratar a arqueoloxía, un campo tan amplo na provincia de Ourense que decidimos facer un segundo número sobre este tema que xa temos deseñado e co que contribuiremos a poñer en valor esta actividade”.
Pola súa banda, Xulio Rodríguez agradeceu a invitación a participar neste número “xusto cando despois de celebrar o centenario da revista Nós imos conmemorar en 2023 os cen anos do Seminario de Estudos galegos, e onde en ambos os dous casos a arqueoloxía foi unha disciplina de primeira orde”.

Intervencións en xacementos de referencia
O número 45 da revista Raigame, editada pola Deputación de Ourense, preséntase como un recoñecemento ao traballo dos profesionais que se dedican á arqueoloxía, sinalando ademais as posibilidades turísticas e culturais que ofrece. Neste novo número faise un percorrido polo mapa provincial presentando artigos que abordan intervencións en xacementos de referencia como son o campamento romano de Aquis Querquennis, en Bande, os castros de Cameixa en Boborás, Castromao en Celanova e o de Saceda en Cualedro.

Outro grupo de colaboracións abordan actuacións en espazos integrados por diversos bens culturais como a Estación Rupestre das Pisadiñas en Laza; o parque arqueolóxico do Monte Grande en Bande; ou o castro de Armea en Allariz. Na comarca de Valdeorras analízase un ambicioso proxecto sobre as sociedades labregas e na de Monterrei o proxecto de Lobarzán, que incide na importancia da arqueoloxía na súa vertente social, implicación da veciñanza, valorización e conservación do seu patrimonio cultural. A revista complétase cun estudo sobre os distintos tipos de pavimentos atopados nas intervencións realizadas na cidade de Ourense, o recente descubrimento da Mámoa das Lameiras en Toén e a historia dos Escarvadores, un grupo de apaixonados da arqueoloxía en Valdeorras dos anos sesenta.

SOURCE: Revista Raigame