Impartirase nas fins de semana de novembro e decembro, así como nas vacacións de Nadal.

A Asociación Xuvenil Amencer de Ourense organiza, como tódolos anos no primeiro trimestre do curso escolar, un curso de Monitores de Tempo Libre en colaboración coa Escola de Tempo Libre Don Bosco de Galicia. A titulación que se obtén é oficial expedida pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

O curso vai dirixido ás persoas interesadas no mundo da educación dende o tempo libre, membros de asociacións, voluntarios, monitores de campamentos etc. O número de prazas é limitado: 25 prazas por curso. A inscrición é por rigoroso orde de matrícula.

O curso realizarase nos locais da Asociación na praza Don Bosco nº1, baixo (nos baixos do colexio salesiano).

O curso realizarase en fins de semana dos meses de novembro e decembro, festivos e vacacións de Nadal para que os estudantes poidan participar neles.

As condicións para matricularse neste curso oficial de tempo libre son: ser maior de 18 anos e ter o graduado escolar. A documentación necesaria para realizar a matrícula é dúas fotos tamaño carné e fotocopia do D.N.I. O prezo da matrícula é de 250 euros.

O curso dura 200 horas na súa fase teórica (en 20 xornadas de 10 horas) e complétase cunha práctica de 150 horas en actividades de tempo libre ou 14 días de campamento de tempo libre.

Para máis información e inscrición pódese pasar pola Asociación Xuvenil Amencer na praza Don Bosco 1; chamando ao 988 218123, no correo electrónico: amencer@amencer.org ou na web: www.amencer.org.