Terá lugar o venres, 10 de xuño.

Barbadás viaxa ao lonxano oeste coa «Noite Moucha»

Barbadás acolle o venres, 10 de xuño, a «Noite Moucha» ambientada no lonxano oeste. Marga Pérez, concelleira de Comercio, afirmou na presentación do evento que “presentamos unha nova actividade de dinamización do comercio local de Barbadás, unha máis das que se están a desenvolver durante todo o ano. Nesta ocasión trátase da celebración da Noite Moucha, que xa tiña cabida en edicións anteriores á pandemia e agora volve a retomarse con máis forza porque é unha proposta moi atractiva que ten moito éxito entre o público.

Os comercios permanecerán abertos ata as 12 da noite e permitirá que a clientela se poida beneficiar de prezos especiais e optar a premios. Entre as actividades dirixidas a nenos e nenas figuran unha xincana, a busca do tesouro ao/á mellor vaqueiro/a. Tamén está prevista unha actividade de globoflexia de pintacaras. Os máis cativos poderán disfrutar de inchables en tres puntos diferentes da Valenzá, aos que poderán acceder gratuitamente mercando nos negocios colaboradores.
No evento participan 14 comercios de todos os ámbitos: mobles, textil, produtos naturais, etcétera: Elma, Mimi flores, Librería A Valenzá, Bell moda, Calzados Zocos, Moda Calviño, Utile Mobles, Twins Men, Twins, Gaia contigo, La Cigüeña e Más que un sueño.

«Dende a área de Comercio estamos colaborando sempre coas propostas que se nos presentan e estamos aquí para apoialos sempre en todas as actividades que queiran desenvolver porque dixemos en máis de unha ocasión os comerciantes son o motor do noso concello, unha parte viva, son postos de traballo. Apostamos para que se incrementen o número de comercios, de postos de traballo e para que actividade comercial sexa positiva para o comercio local«, salientaba a concelleira.

Alejandra Rodríguez, presidenta da asociación de comerciantes da Valenzá, indicou que este evento está dirixido aos máis pequenos e á xente do barrio. Nesta ocasión está ambientado no lonxano oeste, polo que as tendas e os comerciantes estarán caracterizadas con esta temática. Vai haber unha serie de premios en base ás compras realizadas. O premio ten un custo de 500 euros e vaise facer público á 1.30 da madrugada no descanso da orquestra París de Noia. Está formado por vales de 18 euros que se poderán canxear nos establecementos do comercio local.

SOURCE: Noite Moucha Barbadás