O REP2 levará a Javier Gurruchaga e La Orquesta Mondragón a Celanova

Tamén actuará o grupo ourensán Mad Mission.

O ciclo Rock Entre Pedra e Poesía (REP2) continúa este ano tralo éxito do concerto de Miguel Ríos, o ano pasado, no Claustro do mosteiro de San Salvador de Celanova.
Este ano haberá dúas datas con grupos cunha dilatada traxectoria no mundo do Rock patrio.

As citas serán o sábado, 22 de xullo (Mad Mission e Javier Gurruchaga e La Orquesta Mondragón, e o domingo, 20 de agosto (Escuchando elefantes e Revólver).

O prezo das entradas é de 24 euros para unha xornada ou un bono de 40 euros que inclúe as dúas actuacións. As entradas están á venda na web ataquilla.com. Cada concerto terá un aforo dun máximo de 800 persoas.

Xullo
Este 22 de xullo, sábado, o claustro acollerá unha velada musical na que participarán Javier Gurruchaga e La Orquesta Mondragón, e Mad Mission. Con apertura de portas ás 20 horas, será a partir das 21 horas cando os ourensáns de Mad Mission baixarán o telón desta xornada co seu estilo que toma como referencia a música negra dos anos 60 e 70, dando como resultado unha mestura de funk, rock e soul.

Tralos ourensáns chega un dos artistas máis consagrados do panorama nacional. Javier Gurruchaga, coa Orquesta Mondragón, comezarán a tocar en torno ás 22 horas. Máis de 40 anos na música contemplan a este irreverente artista que deixa en cada actuación humor, parodia, cabaret, blues e, por suposto, moito rock and roll. Un monstruo dos escenarios que nestas máis de catro décadas deixou cancións imborrables como Lolita, El huevo de Colón, Ellos las prefieren gordas, Caperucita feroz, Corazón de neón (todas elas moi recordadas por todos os que imos cumprindo anos dunha maneira demasiado acelerada); e cancións máis recentes: No dispares más, Qué viene Trump!.

Agosto
E para o domingo, 20 de agosto, chegarán as actuacións de Escuchando elefantes (20 horas) e Revólver (21 horas) coa incofundible voz de Carlos Goñi e que conta no seu repertorio Si es tan solo amor, El Dorado ou Faro de Lisboa.

REP2
O REP2 é unha iniciatica de Escena Sonora -organizadora del ciclo- na que colaboran o Concello de Celanova, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. Durante a presentación, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, sinalou que iniciativas como estas «patrocinadas por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do Concello de Celanova, teñen como principal obxectivo, que a través da música de sempre, se resalten espazos de incalculable valor patrimonial e cultural como ten a provincia de Ourense».