A V Feira de produtos apícolas chega a Allariz en setembro

Será o sábado, día 2.

Celebrarase en Allariz a quinta Feira dos produtos apícolas o vindeiro sábado día 2 de setembro. Un evento que tenta consolidarse coma unha das feiras de referencia do sector en Galicia. Contará con 12 postos que xunto cos apicultores locais formarán un gran escaparate que amosará toda a súa riqueza e diversidade no entorno da Praza do matadoiro (no exterior do mercado da reserva da Biosfera) en horario de 10h a 20h.

Na feira poderemos atopar venda de produtos apícolas. O visitante poderá tamén coñecer unha gran variedade de meles ademais dos diferentes produtos da colmea, como o pole ou o própole e outros derivados do mel coma poden ser infusións, cervexas ou cosmética apícola. A intención da feira é afastarse da idea tradicional de mercado e amosar algo máis que os produtos da colmea.

Durante a xornada desenvolveranse actividades variadas:
– Ás 12:30h haberá degustación de produtos da Reserva da Biosfera con mel.
– Pola tarde, ás 18:00h, haberá contacontos para público infantil, que trata a sensibilización e educación ambiental a través do conto de «Xela, a superheroína de aldea» da man de Inma Soto.
– Ás 19:30h realizarase o sorteo de dúas cestas con produtos apícolas entre todas as persoas que participen mercando na feira.

A Asociación Galega de Apicultura e o Concello de Allariz organizan de forma conxunta esta feira coa intención de pór en valor este produto e todos os seus derivados. O longo do ano AGA e Concello colaboran tamén con iniciativas como o Día da Abella ou a través de cursos de formación para o sector. Na presentación do evento estiveron presentes Raul Vasalo e Antonio García, membros de AGA, Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente e María López, concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo.