VII Festival Medieval de Viana do Bolo

Celebrarase o sábado, 30 de marzo.

A Deputación de Ourense e o Concello de Viana do Bolo organizan a sétima edición do Festival Medieval que se celebrará o vindeiro sábado, 30 de marzo, na praza Maior da localidade vianesa. Unha nova edición deste certame musical que reunirá a un cento de artistas que achegarán os vellos romances medievais ás Terras do Bibei.

O festival, en memoria do Gaiteiro das Terras do Bibei, Albino Pérez Fernández “O demo de Quintela”, contará coa actuación especial de Iria Estévez escenificando á raíña Urraca. O certame comezará a partir das 18.00 horas coas actuacións de diversos artistas e grupos que interpretarán vellos romances líricos que son relatos da historia.

Actuacións
Actuarán no certame os trompetistas á usanza medieval, o Grupo Tómalle Outra de Viana, e os artistas: Daniel García de la Cuesta de Asturias, Jacinta Fernández Alonso de Lentellais, Branca Villares de Músicas da montaña de Lugo, Rogelio de Aceveda, Fiuca de Trives, Iria Estévez coas cantareiras da Real Banda que interpretarán Romance de Dona Urraca, Digna de Vilanova de Trives, Óscar Ibáñez de Poio-Pontevedra, Blandina de Cotarós, Amparo do Bao e pechará unha vez máis o festival a Real Banda coa Coral Candea de Viana.

Ademais, poderá seguirse o festival vía streaming a través da web da Deputación de Ourense.