Vilanova dos Infantes prepárase para o seu «Raigame» máis doce

A 21ª edición da romaría etnográfica celébrase este 17 de maio.

Como cada 17 de maio (coincidindo co Día das Letras Galegas), Vilanova dos Infantes volverá viaxar no tempo para poñer en marcha Raigame, a romaría etnográfica por excelencia de toda a comunidade galega. Son moitas as entidades que se involucran nesta festa, destacando o Concello de Celanova a Deputación Provincial de Ourense (a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo) e os propios veciños de Vilanova.

A presentación desta 21ª edición tivo lugar na sala de prensa da Deputación e estiveron presentes o presidente provincial, Luis Menor; o alcalde de Celanova, Antonio Puga; e o responsable do CCP Xaquín Lorenzo, Xavier Álvarez, ademais de responsables de Abanca, entidade colaboradora do evento.

Durante a súa comparecencia, Luis Menor proclamou que “Raigame é un dos tesouros etnográficos da nosa provincia e, como tal, desde a Deputación mimamos esta cita como se merece”, agradecendo ademáis o excelente traballo realizado desde o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo neste eido.

Ademais, Menor recalcou que, sen dúbida “estamos ante unha cita magnífica para disfrutar dun festivo tan especial como é o Día das Letras Galegas. Graciñas á organización polo seu empeño de seguir subindo o nivel de Raigame ano tras ano, algo que non é fácil pero que gracias ao traballo ben feito supéranse en cada edición”. Puxo en valor tamén a cooperación de organismos como o Concello de Celanova, a Axencia de Turismo de Galicia e Abanca, representada pola directora de zona en Ourense, Rosana Neira; e polo coordinador de Banca Istitucional da entidade, Mateo Alonso San Román.

Éxito
Pola súa banda, o alcalde de Celanova, Antonio Puga, valorou a crecente importancia de Raigame debido a que cada ano hai maior demanda de postos que desexan participar, “pero non podemos atender todas as peticións porque o espazo no burgo é o que é” e convidou a “que nesta ponte festiva veñan todos a disfrutala a Vilanova dos Infantes”.

No que atinxe ao apartado técnico desta celebración, Xavier Álvarez fixo un repaso dos aspectos programáticos da romaría, onde tamén haberá un destacado protagonismo para os máis cativos, coa presenza dos Bolechas nun evento “que pretender darlle valor á cultura popular e aos seus produtos tradicionais”.

Doceiros
Seguindo a tradición de dedicar cada edición da Romaría Etnográfica Raigame a unha actividade ou oficio con raíces na cultura popular, e despois de ter en anteriores ocasións como tema central o afiador, os segadores, os fotógrafos ambulantes, a gandeiría, os canteiros, os oleiros, entre outros moitos, nesta edición a organización de Raigame decidiu dedicarlla aos doces e a repostería tradicional, para o que preparou unha serie de actividades relacionadas co tema: exposición, degustación e venda de doces tradicionais, obradoiros e concursos.

Ademais, a concesión do premio honorífico “Adolfo Enríquez” recae nas “isoliñas”, que durante máis de 50 anos estiveron producindo e vendendo os seus famosos “bolos” en Celanova. Ao xa non estar entre nós, recibirá o premio en representación delas (Virxinia e María) a súa irmá, Concepción Fernández.
O premio Adolfo Enríquez trátase dunha escultura, versión libre da Torre de Vilanova.

Visitas guiadas
Entre outras novidades que trae a Romaría Etnográfica Raigame 2024, a Asociación “ViaxaMos no Tempo”, organizará visitas guiadas por Vilanova dos Infantes relacionadas cos traballos dos canteiros e nas que os participantes poderán visitar a vila baixo a ollada dun canteiro e coñecer os diferentes elementos construtivos que se poden atopar nos seus rueiros.

A programación complétase con animación de rúa con 23 grupos de Ourense, Pontevedra, Lugo e Portugal; así como monicreques, teatro, maxia, cantos de cego, documentais, etc; obradoiros diversos; actuacións musicais da Banda de Vilanova e a Coral de Ruada, así como dos Danzantes de Vilanova e máis de 20 grupos de música tradicional coas actuacións da Escola Provincial de Danza e o grupo Castro Floxo da Deputación.

Novamente estará disponible un autobús histórico que fará o percorrido desde Celanova (saída desde a praza Maior) a Vilanova dos Infantes, en ambos sentidos. Os horarios serán desde Celanova ás 11, 11.30, 13 e 13.30 horas pola mañá, e 16.30, 17, 18.30 e 19 horas, pola tarde. As saídas desde Vilanova será ás 12, 12.30, 14 e 14.30 horas de mañá, e 17.30, 18, 19.30 e 20 horas, pola tarde.

En cifras
Respecto ás cifras de Raigame, atoparanse 58 postos no interior do Burgo, dos que 41 serán artesáns con demostracións en vivo, 7 postos de produtos tradicionais de alimentación e 10 tabernas. E no exterior, haberá 28 casetas de comida e outras tantas de artesanía.