Xornadas de Carne de Boi

Xa está en marcha a 13ª edición.

A hostalería de Allariz quenta motores para a XIII edición das Xornadas de Carne de Boi.

Allariz acolle ata o 13 de outubro unha nova edición das Xornadas de Carne de Boi – Concello de Allariz. Este ano 23 establecementos locais participan.
Na mañá de hoxe representantes do sector hostaleiro participante, así como a empresa local que comercializa este produto, estiveron acompañados pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid e a concelleira de Promoción Económica María López, presentando a oferta culinaria que haberá nos locais durante esta nova edición de 2024.

A hostalería alaricana ofertará tapas e menús cuxo ingrediente principal é a exquisita carne de boi. Pinchos elaborados de diferentes e saborosos estilos, menús e pratos para todos os petos será o que as persoas se atopen nas XIII Xornadas de Carne de Boi – Concello de Allariz nos 23 establecementos que participan este ano.

O número de tapas que participarán no concurso este 2024 serán 19 e competirán por ser a elixida entre os/as comensais como a “Mellor Tapa” deste ano, saíndo da votación popular das persoas que as consuman. Atoparemos tanto tapas xa tan tradicionais como os callos de Boi ou albóndegas, como tapas novas que a ben seguro farán as delicias das persoas que se acheguen durante estas dúas semanas que ten de duración o evento. O prezo da tapa será de 3€ e na modalidade de menús haberá para todos os petos.

De novo o premio local para premiar a gran participación e fidelidade de todas as veciñas e veciños que ano tras ano participan nestas xornadas. “Papando no Boi” volta por terceira edición e será a recompensa que recibirá a primeira persoa, con tarxeta cidadá, que consuma as 19 tapas que participan no concurso de 2024, cun premio directo de 100€ para gastar no comercio local.
Ademais haberá sorteo de vales con premios por consumir as tapas.

O sorteo realizarse o sábado 19 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera ás 11:00h, no que se darán a coñecer os gañadores ou gañadoras dos premios así como a tapa máis votada nesta edición. Para máis información pódese consultar a páxina allariz.gal/carnedeboi/ na que se atopan as bases do concurso de tapas.

Aproveitando as Xornadas e as sinerxías que xorden no Mercado da Reserva, o sábado 28 de setembro e o 5 e 12 de outubro haberá degustación neste espazo de tapas elaboradas con carne de boi. As actividades do mercado serán de 12:30h a 13.30 h.
*Sábado 28 de setebro – Tataki de boi
*Sábado 5 de outubro – Torrija salgada rechea de rabo de boi
*Sábado 12 de outubro – Miniempanadilla de boi guisado