Semana das Letras Galegas en Verín

Consulta a programación.

A concelleira de Turismo, Cultura e Festexos do Concello de Verín, Samanta Barreira, presentou no salón de plenos a programación da Semana das Letras Galegas 2025, que se celebrará do 10 ao 18 de maio.

Durante a presentación, Barreira subliñou que «este ano pomos en valor o papel fundamental das cantareiras na preservación da nosa lingua e cultura, a través dunha programación que combina tradición, innovación e participación cidadá». Tamén destacou que «a proposta abrangue todas as idades e pretende facer partícipe a toda a sociedade verinesa do orgullo de sermos galegos e galegas».

A cancelleira fixo fincapé na importancia de visibilizar a intensa e imprescindible actividade cultural que levan a cabo as asociacións de mulleres do noso territorio: «A nosa comarca ten un tecido asociativo feminino moi forte e diverso. As nosas agrupacións e asociacións de mulleres rurais foron e seguen sendo auténticos motores de dinamización sociocultural. É xusto recoñecerlles publicamente a súa entrega e agradecerlles que leven décadas mantendo viva a nosa identidade a través da música, do baile, da palabra ou da solidariedade».

A edil de Cultura tamén quixo facer unha reflexión sobre o valor simbólico da tradición no noso tempo: «A maioría das persoas que hoxe cantamos “unha noite no muiño, unha noite non é nada” non o facemos porque viviramos as muiñadas. Facémolo porque herdamos ese patrimonio cultural, ese sentimento, e con iso mantemos viva a nosa tradición, a nosa cultura e, polo tanto, o noso pobo. Porque como xa dixo Castelao en Sempre en Galiza, ‘a tradición non é a historia. A tradición é a eternidade.»

A programación arrincará o sábado 10 de maio, ás 17:00 horas na Preguiza, cunha xornada festiva denominada «Trisca da Preguiza», un encontró. de grupos e asociación da comarca — Candaira, Silverias do Támega, As Travesas, As Torgueiras, Os Trouleiros, e diversas Asociacións de Mulleres Rurais — que encherán o espazo de música tradicional, xogos populares, e un obradoiro de baile para todos os públicos. A actividade incluirá tamén servizo de bar.

Pola noite, ás 21:00 horas, o grupo Ailá ofrecerá un concerto no que mesturará a música tradicional galega coas novas sonoridades contemporáneas.

O luns 12 de maio, ás 19:30 horas, inaugurarase na Sala de Exposicións de Verín a mostra «Pensamentos Fuxidos» do artista Xosé Rivada, que poderá visitarse durante todo a mes en horario de mañá e tarde.

O martes 13 de maio, ás 20:00 horas no Auditorio, o alumnado do Conservatorio de Música de Verín protagonizará unha audición de conxuntos instrumentais, amosando o seu talento e a vitalidade da formación musical na vila.

O xoves 15 de maio, ás 20:30 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura, o recoñecido músico e investigador Xabier Díaz ofrecerá a palestra «Metendo as mans na terra», unha viaxe pola tradición musical galega a través da súa experiencia nas recollidas de cancións populares e o proceso creativo de reinterpretación desa memoria sonora.

O venres 16 de maio será unha xornada moi especial para os máis pequenos: pola mañá, de 10:30 a 13:30 horas, terá lugar «Os coles cantan» na Praza García Barbón, onde máis de 600 nenos e nenas dos CEIPs públicos Amaro Refojo e Princesa de España interpretarán cancións tradicionais galegas, celebrando así a lingua dende a infancia.

Pola tarde, ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal, a compañía Galitoon Teatro presentará «Os Descontacontos», un contacontos con monicreques para nenos e nenas de 3 a 9 anos, que rende homenaxe aos avós e avoas transmisores de historias e tradición oral.

O sábado 17 de maio, ás 18:00 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura acollerá a obra de teatro infantil «Castelao. Un corazón á intemperie», da compañía Fantoches Baj, unha proposta escénica que repasa a vida e obra do autor rianxeiro a través de técnicas como o kamishibai, monicreques, cabezudos e teatro de máscaras, destinada a público familiar a partir dos 6 anos.

Finalmente, o domingo 18 de maio, ás 11:30 horas no Auditorio Municipal, terá lugar a tradicional Gala Músico Literaria das Letras Galegas, na que se entregarán os premios dos Certames de Poesía «Xosé Carlos Caneiro Pérez» e de Relato Curto «Antonio Fernández», convocados polo Concello de Verín coa colaboración de GADIS para fomentar a creatividade literaria entre a mocidade da comarca.