Adianto do novo EP «NeoAmor» de Kid Mount

Lanza o sinxelo “Como un Can”, un berro de liberdade e pracer impulsivo.

Kid Mount regresa con forza e risco con “Como un Can”, o segundo avance do seu próximo EP NeoAmor. Neste novo tema, o artista mergúllase nun universo onde o amor deixa de ser idealización para converterse en instinto, nunha exaltación da entrega sen medida, da liberdade sen fi ltros e do pracer sen culpa.

“Como un Can” é unha mestura poderosa de dembow, reggaetón e texturas experimentais que desbordan o convencional. A produción de Chris Indian aporta capas e contrastes que fan do tema unha peza vibrante e imprevisible, mentres que a colaboración con C Mirazo lle engade forza, complicidade e frescura.

O videoclip é unha idea orixinal Vera Moreno, Jairo Moreno e Inma Veiga, mergúllase nunha estética crúa e nostálxica, con cores degradadas que evocan a linguaxe visual dos vídeos noventeiros da escena urbana internacional. Filmado nas rúas de Santiago de Compostela, Kid Mount percorre a cidade como un can «desakatao», rompendo cadeas e sobrepasando límites. Un relato visual que pretende mergullarnos no refl exo de loitas, pulsións e afectos.

O sinxelo presenta unha rítmica pouco habitual na escena urbana galega, con pausas, cambios de estrutura e efectos que xogan coa percepción do ouvinte, convidándoo a deixar o control e deixarse levar. A letra, directa e sen censura, afonda nun amor vivido co corpo, instintivo, que se sente sen necesidade de explicacións. Como un can: sen adornos, sen freos, sen culpa.

Este lanzamento marca un paso máis na traxectoria de Kid Mount como artista inconformista e en constante evolución, que reivindica unha estética urbana en galego con identidade propia e vontade de romper moldes. Con “Como un Can”, o neoperreo toma novas formas e abre camiño para sons que están por chegar.

Kid Mount prepara unha xira que o levará por distintos escenarios de Galicia, nun momento clave para o seu proxecto. Entre as primeiras datas confi rmadas están a Ouveada do Castañazo en Chantada (3 de maio), o Festigal – Novos Valores en Santiago de Compostela (10 de maio) e a Festa dos Botes de Arzúa (8 de agosto). Nos vindeiros días anunciaranse novas datas.

Kid Mount, coñecido no panorama coma o neno do monte ou o pico e o tres (<3), é un artista emerxente de Xinzo de Limia residente en Santiago de Compostela. En 2022 publica Ben Mal, o seu primeiro álbum, autoproducido con só 18 anos. O disco acumula xa máis de 200.000 reproducións e sitúao como unha referencia entre os novos nomes da música feita dende Galicia. Kid Mount atópase nun momento de expansión creativa, cunha base estable de 5.000 oíntes mensuais en Spotify e temas como “Meu Amor” superando as 75.000 reproducións.
Despois dese primeiro álbum, marcado pola dualidade constante entre o bendito e o maldito, Kid Mount está a vivir na súa música unha etapa de transición na que se entrega a todas as versións nas que se pode entender e convivir co amor, contándoo dende perspectivas distintas á clasica. Unha nova era de ritmos apenas explorados en galego que constrúen unha atomosfera que xa se pode apreciar nos adiantos e que se acabará de confirmar coa saída do EP.